PREFERENTE NORTE. CD AS PONTES 1 – AGRUPACIÓN ESTUDIANTIL CF 0

Sufrido triunfo dun As Pontes que sumou tres puntos moi importantes cun tanto de cabeza de Dani.

338

Sufrida vitoria do As Pontes na xornada adiantada a este mércores, ante a Agrupación Estudiantil de A Estrada por 1-0. Os ponteses estrearon da mellor maneira posible a nova camisola e puxeron fin a una racha de tres xornadas sen gañar.

O conxunto de Marco Roca, aínda sen moitas ocasións, foi mellor que o seu rival ó longo dos 90 minutos, e impúxose cun solitario tanto de Dani ó comezo do segundo período.

Na primeira metade, a ocasión máis clara foi un remate de cabeza de Dani, que marcha preto do escuadro (17´). Resaltar tamén un remate de Bossa, que rebota no corpo dun defensa (20´), ou un tiro frouxo de Dani dentro da área, que non a agardaba (21´).

Mentres que polos visitantes destacar un balón ó que chega antes Kiko que Alberto, que estaba só (38´), e un centro chut dende banda dereita ó que volta a chegar Kiko, que despexa, adiantándose a Alberto (44´), dentro dun primeiro período no que o As Pontes dominou algo máis ante un Estudiantil moi ben defendido.

O segundo período comezaba cun gran centro de Ramos ó que non chega a rematar de cabeza Pardo (49´), respostando Jacobo, que peitea un balón que se pasea pola área local (53´).

Ata que chegou o único tanto do encontro. Tras un saque lateral de falta, Pardo prolonga a Bossa, que chega dende banda dereita, recorta ó defensa, centra, e remata de cabeza Dani axustado ó segundo pau, a onde non pode chegar Jose (58´).

A pesar de non dispoñer dun xogo moi fluído e de que os visitantes chegaron con perigo nalgunha ocasión, o certo é que de aquí ó final as ocasións máis perigosas foron dos locais, sobre todo dúas nas botas de Criado e Eloy.

Tralo gol, destacar un zapatazo de Bossa que marcha por alto (62´), e tres oportunidades consecutivas. Centro de Pardo dende banda esquerda ó que non chega a rematar Adrián Iglesias, nin sobre todo Pablo Ramos (66´). Noutro centro do propio xogador ferrolán adiántase o defensa antes de que remate de cabeza en boca de gol o dianteiro de Agolada (67´), e un disparo de Ramos dende fóra da área que rebota nun defensa desviao a córner in extremis Jose (68´).

Dúas oportunidades moi claras chegaron a continuación, nas que os locais puideron sentenciar, nun gran pase de Ramos a Criado, que se incorporou só dende o lateral dereito pero o seu disparo marchou por alto (76´), e posteriormente é Eloy quen lle rouba o balón dentro da área ó último defensor, Diego Peña, pero o seu disparo despexao co corpo Jose (82´).

Logo era Pardo quen quedaba só de cara o gardamallas con campo por diante, pero no control do de Ortigueira vaiselle moito o balón (85´). Cun centro dende banda dereita de Ramos, que remata de tacón Eloy, e detén moi atento Jose (91´), rematou o encontro.

Os ponteses, a pesar de non ter o máis desexado inicio de tempada, e seguir lonxe de Paiosaco (27) e Arzúa (24), xa escalan ata a cuarta posición con 18 puntos, liderando un grupo de sete equipos, distanciados apenas en tres puntos.

Coa vitoria no peto, pero sen tempo para saboreala, deben pensar na visita ó filial do Lugo, o terceiro clasificado con 21 puntos Polvorín, no que será un trascendental partido ante un dos grandes da categoría, no duelo, quizais, entre os que eran os favoritos ó ascenso antes do inicio da Liga.

1 CD As Pontes. Kiko, Criado (Roberto 93´), Alex, Rego, Dani, Adrián Martínez, Ramos (Chis 80´), Bossa, Adrián Iglesias (Eloy 69´), Fidi, Pardo (Carba 88´)

0 Agrupación Estudiantil CF. Jose, Jacobo, Mateo (Iago 75´), Caraban, Brais, Colon (Rial 79´), Alberto, Carlos (Chapela 61´), Diego, Alfonso (Fer 68´), Bruno.

Goles: 1-0, Dani (58´)

Árbitro: Marcos Gil Soriano (A Coruña). Auxiliado nas bandas por Alberto Baña e Cristian Grille. Amarelas a Rego, Pardo, Jacobo e Diego.

Campo e incidencias: O Poboado. Algo máis de 100 espectadores en tarde encapotada.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios