PREFERENTE NORTE. RIBADEO FC 2 – CD AS PONTES 0

Triunfo do equipo lucense, que foi máis voluntarioso ó longo dos 90 minutos, e sentenciou no tempo de desconto

300

Derrota sen paliativos do cadro pontés na tarde de onte, co que remata o 2017 moi lonxe dos postos de ascenso, porque pese á terceira posición provisional, varios equipos con dous partidos pendentes probablemente acaben superando ó equipo azul cando todos sumen 18 partidos xogados.

Nun campo embarrado e impracticable para os dous conxuntos, comezaron moito máis metidos no partido os da Mariña, e tiveron varias ocasións nos primeiros quince minutos. Nun balón despexado cara o centro por Criado, Poratti disparou por riba do longueiro (4´). Pero máis clara sen dúbida foi nunha xogada na que sae Bossa co balón dende atrás, quere mandalo ao outro campo, rebota en Adrián, e o balón vaille ós pes de Criss, que por querer regatear a Paco, trastabillouse e perdeu de marcar un gol que estaba case feito (8´).

Tanto foi o cántaro á fonte, que nunha xogada de combinación na que o extremo dereito centra no borde da área completamente só, con Roberto fóra de sitio, rematou de primeiras Criss, salvou Paco como puido, caeulle nos pes a Rego que despexou moi frouxo, e acabou marcando Criss, case máis por gañas que por técnica (15´).

Cando o As Pontes comezou a tocar un pouco os locais xa ían 1-0 e gracias. Seguiron dominando os celestes, pero antes do descanso resaltar un tiro de Bossa que despexa Hugo, e no rexeite Eloy manda o balón ó fondo das mallas, entendendo o colexiado que aproveitándose da situación de fóra de xogo (22´). Máis tarde é Dani, tras un córner, quen remata fóra (32´).

Pese a que no comezo do segundo período nunha boa xogada de Pardo, acaba rematando Eloy frouxo e ás mans de Hugo (48´), puideron anotar o segundo os visitantes, nunha xogada na que Poratti fai un caño a Dani, dispara, e salva Paco coa man (51´).

O As Pontes buscaba o empate con poucas ideas ante un conxunto local moi ben prantado e no que os seus dous centrais Marcos Peña e Pablo Rivas gañaron case todas as accións a Eloy e Iglesias.

Resaltar un remate de volea do recén ingresado Alex Cabarcos que marcha preto do escuadro (67´), e un centro de Rafa Casanova tras unha perda de Adrián que se pasea pola área pequena sen atopar rematador (75´).

Moi brillantes os dous ex xogadores do Racing de Ferrol, dando unha habitual lección de cátedra, con 38 anos o arxentino, e con 35 o de Friol. Tivo o empate o conxunto pontés nunha internada de Quique por banda esquerda, ó que lle envían un balón dende a dereita, que controla e dispara por riba do escuadro, moi preto do longueiro (85´).

Pero nos derradeiros minutos, o impetuoso conxunto local fixo catro ou cinco contras moi perigosas, incluido un gol de cabeza anulado a Miguel Gomes por suposto fóra de xogo (87´) ata que no 93´ Luqui quedou completamente só, e marcou de tiro forte por baixo sen oposición defensiva.

O As Pontes pecha o 2017 con apenas 31 puntos en 18 partidos e deberá gañar ó Arzúa no comezo de ano para manter algunha mínima opción no que será o remate da primeira volta.

2 Ribadeo FC. Hugo, Pablo Rivas, Rafa Casanova, Marcos Peña, Santi (Martín Traba 88´), Poratti, Tichu (Miguel Gomes 81´), Juanma, Criss (Luki 66´), David Rodríguez (Jacob 58´), Iván Rodríguez.

0 CD As Pontes. Paco, Criado, Roberto (Alex 66´), Rego, Dani, Martínez, Ramos, Bossa, Eloy, Iglesias (Carba 82´), Pardo (Quique 68´).
Goles: 1-0 Criss (15´). 2-0, Luqui (93´).

Árbitro: Edgar Soto Eiroa (A Coruña). Auxiliado nas bandas por Belmonte Martell e Nava Rey. Amarelas a Criss, Juanma e Jacob.

Campo e incidencias: Pepe Barrera. Campo moi embarrado e con presencia de máis de 200 espectadores.




Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios