PREFERENTE NORTE. CD AS PONTES 7 – DUMBRÍA 0

O As Pontes ascende á terceira praza tras golear ó Dumbría

388

O CD As Pontes logrou este domingo unha das súas goleadas máis históricas, xa que en partidos de Liga anotou sete ou máis goles en 21 ocasións contando co partido de hoxe.

Venceron 7-0 ó Dumbría, equipo que curiosamente no incio de Liga derrotou ós azuis por-2-1, e o encontro xa quedaba visto para sentencia co terceiro gol no minuto 23 ou co 4-0 antes do descanso. O primeiro tanto chegaba pronto tras un pase en profundidade no que se desmarca Rubén Pardo que regatea ó porteiro visitante e marca de tiro cruzado coa porta baleira (6´).

Logo chegou o segundo, tras un centro de Pardo por banda esquerda que Eloy remata de primeiras de tacón, despexa o porteiro e aproveita para empalar Fidi de forte disparo ó fondo das mallas (14´).

O terceiro foi tras un saque de córner de Bossa que rematou o seu paisano Rego de cabeza ó fondo das mallas (23´), e o cuarto tras outro centro de Rubén Pardo, nesta ocasión dende a banda esquerda, que remata de primeiras Eloy e entra o balón moi axustado ó poste (44´).

Resaltar neste primeiro tempo dous remates moi preto do escuadro de Pardo (9´), e Fidi (28´), e un remate de Eloy tras centro de Criado no que manda un trallazo ó lateral da rede (42´).

Pese a que o segundo tempo comezou cunha vaselina de Pesco que marcha por pouco (48´), puido chegar o quinto dos locais cun cabezazo de Pardo ó poste tras centro de Criado (52´), ou nun balón que se lle escapa ó porteiro e casi o aproveita Dani (54´).

Pero foi nunha xogada na que Adrián Iglesias se desmarcou por banda esquerda, regatea ó porteiro, pero xa moi escorado remata como pode, e pesca o balón dentro da área Quique, que marca de forte tiro cruzado (62´).

Maroñas queda completamente só con campo por diante, plantase ante Iván, quere picarlle o balón, pero o seu disparo alto desviao a córner o gardamallas visitante (64´).

O sexto chegaba tras cabecear impecablemente Adrián Iglesias un centro dende banda dereita de Maroñas ante o que nada puido facer o porteiro (66´).

E despois dun lanzamento de Ramos preto do escuadro (81´) logrouse o sétimo tanto, tras un riguroso penalti cometido polo gardameta sobre Adrián Iglesias que o propio xogador de Agolada se encargou de tirar, detivo Iván, pero ó rexeite mandao Iglesias ó fondo das mallas logrando o seu sétimo tanto da campaña (86´).

O As Pontes xa é terceiro con 37 puntos antes de visitar ó Sofán, noveno con 28. Pero desgraciadamente no día máis feliz da campaña despídese o seu máximo goleador con 9 tantos Eloy, que marcha por unha oferta laboral a Alemaña, onde tamén seguirá marcando goles.

Tralas baixas de Jaime Leira, e de Diego Chis, e esta tan importante do dianteiro coruñés, agárdase alguna necesaria incorporación no que queda de mercado invernal dado que restan 18 partidos moi peliagudos que de momento só se poderán afrontar con dezaseis xogadores dos que son habituais nas convocatorias.

Das 21 vitorias por sete ou máis goles do As Pontes en Liga desde que se fundou en 1960, a maior é un 13-0 ó San Mateo (1978), equipo ó que se lle gañou tamén 0-10 (1977). Por 9-0 gañouselle a Ortigueira (1976) e Galicia Cedeira (1977), 9-1 ó Limodre (1978), e 8-0 a Ortigueira (1978) e Colonia Moscardó de Madrid (1995). Por 1-8 gañouse a domicilio ó Cebarca (1978).

O resultado de 7-0 foi o máis repetido pois conseguiuse ante Arcade (1965), Alondras (1966), Numancia de Ares (1973), San Tirso (1984), Viveiro (1995) e Dumbría (2918). Pero tamén se gañou 0-7 a Arcade (1970), Numancia de Ares (1973) e Ortigueira (1977).

Por 7-1 gañouse ó Estradense en 1968 e 1-7 ó Coruxo que hoxe en día milita na Segunda B en 1987. Por 7-2 se venceu ó Corcubión en 1980 e 2-7 ó Brollón en 2004.

7 CD As Pontes. Paco, Criado, Rober, Rego, Dani, Adrián, Quique (Alex 68´), Bossa (Ramos 68´), Eloy, Fidi (Maroñas 58´), Pardo (Iglesias 58´).

0 Dumbría. Iván, Pablo, Raúl (Matías 17´), Aarón, David (Miguel 58´), Iago, Makay, Edu (Marcote 50´), Pesco, Diego, Jose Miguel (Thiago 75´).

Goles: 1-0, Pardo (6´), 2-0, Fidi (14´), 3-0, Rego (23´), 4-0, Eloy (44´). 5-0, Quique (62´), 6-0 Iglesias (66´), 7-0, Iglesias (86´).

Árbitro: Amine Alaoui Soulimani (Santiago). Auxiliado nas bandas por Maldonado González e Calvelo Iglesias. Amarelas a Iglesias e Matías.

Campo e incidencias: Campo de O Poboado. Uns 100 espectadores, en tarde fría e soleada. Gardouse un minuto de silencia polo falecemento de Bra, que fora mítico porteiro once tempadas no Calvo Sotelo dos anos 60-70, e por Servando Seijo, cuñado do delegado Suso e tío do xogador Dani Fernández.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios