Voceiro do BNG das Pontes: A necesidade dunha Residencia pública de maiores para As Pontes

551

Dende que goberna o Psoe a caída de poboación nas Pontes foi de máis de 1.200 habitantes; esta perda non afecta igual a todos os tramos de idade, é maior no de idade laboral (16-64 anos) cunha caída de 1.600 persoas, pola contra, increméntase a poboación maior (de máis de 64 anos), cun aumento de 325 persoas, que xa supón o 23% da poboación das Pontes.

Este significativo cambio demográfico obriga a dar resposta a novas demandas sociais; con gobernos anteriores creouse o Fogar da 3ª idade, o Centro de Día, tamén existe unha Residencia privada con 59 prazas, pero quedamos moi lonxe da recomendación da Organización Mundial da Saúde (OMS), que aconsella 5 prazas de Residencia por cada 100 maiores; cos datos actuais, nas Pontes temos 2.410 persoas maiores de 64 anos, polo que precisaríamos 120 prazas de Residencia.

A responsabilidade política de atender os servizos sociais é da Xunta de Galiza, pero neste caso, como noutros que nos afectan, a Xunta non está nin se lle espera; tamén é certo que dende o Goberno Municipal non se lle reclama absolutamente nada (nos últimos orzamentos da Xunta o único grupo que presentou emendas para As Pontes foi o BNG, entre elas a construción dunha Residencia Pública).

Ante esta situación de ninguneo da Xunta non podemos, nin debemos, quedarnos parados.

Que están a facer outros Concellos?

Hai concellos galegos que xa se dotaron de Residencias de Maiores, algún con propiedade e xestión municipal como é o caso de Sarria en Lugo.

Cerceda (A Coruña) aproveitou as subvencións do Plan do Carbón para construíla e xa está funcionando (lembrar que co goberno do Psoe o Plan do Carbón non gastou un só euro nas Pontes).

Hai outros Concellos, con capacidade económica, que están impulsando os seus propios proxectos, como é o caso de Cervo, que xa ten construída a Residencia en San Cibrao.

Tamén existe un importante plan da Deputación de Lugo para a construción de Residencias, coa colaboración dos Concellos, algunhas xa rematadas e realizando os trámites de apertura. Temos os exemplos de Ribadeo, Castroverde, Pol, Trabada, A Fonsagrada, Pedrafita, Ribas do Sil, Becerreá, etc.

E aínda poderiamos poñer moitos máis exemplos de iniciativas municipais para dotarse de Residencias: en Meira (Lugo) está en fase contratación, en Silleda (Pontevedra) en construción, en Muíños (Ourense) van ampliar a que xa teñen, en Guitiriz (Lugo) xa lle ceden un edificio á Deputación, etc.

E nas Pontes, que?

Pola contra, nas Pontes, este tema, como todos os prioritarios e importantes, dorme nos caixóns do Concello: moita festa, moita propaganda, pero a única obra de equipamentos en once anos deste Goberno Municipal foi un circuíto de karts.

E temos posibilidades, tanto económicas como de terreos.

En concreto, o Concello ten unha parcela na Canle IV, preto do Centro de Saúde, céntrica, de fácil acceso, nunha zona de paseo, que permite a construción inmediata; até hoxe foi usada para festas e para instalar circos.

Que Residencia queremos?

Ante esta situación, o BNG vai trasladar ao resto dos grupos políticos municipais a necesidade de consensuar a urxente construción dunha Residencia de Maiores nas Pontes, con disposición a pactar as partidas económicas que precise e, tamén, a buscar apoio económico doutras administracións públicas.

Para o BNG o modelo debe estar centrado na persoa e non no servizo ou na organización, pensado para que se viva fóra da casa pero como na casa, proporcionando os coidados necesarios nun entorno o máis parecido ao seu fogar, que favoreza a continuidade da vida, coas súas pertenzas e recordos, que garanta a privacidade e a independencia, que as persoas decidan en por si e sexan donas do seu día a día.

Un proxecto tamén innovador na liña dos que se constrúen agora en moitos países europeos, con habitacións e tamén con pequenos apartamentos para as persoas que demanden unha maior independencia.

A súa situación debe ser céntrica, para que as persoas maiores non dependentes poidan pasear polo pobo; para nós o espazo máis acaído é na parcela municipal do Canle IV, preto do Centro de Saúde.

O número de prazas, tanto para non dependentes como para dependentes, debe estar algo por riba das recomendacións da OMS, pois nun futuro inmediato, o máis posible é que medre a porcentaxe de persoas maiores a respecto da poboación local.

Débese implantar e aplicar a regra da prioridade por veciñanza e proximidade xeográfica, a fin de manter ás persoas maiores no seu entorno vital, familiar e social; a prioridade no acceso debe ser para os veciños e veciñas, despois a comarca, e logo a provincia.

O prezo debe ter en conta a capacidade económica das persoas usuarias, con axudas públicas para cubrir o coste real e efectivo do servizo, para que calquera veciño/a, con independencia dos seus ingresos, poda ter dereito a unha praza na Residencia.

A súa xestión debe ser pública directa, con creación de emprego estable e de calidade.

E, sobre de todo, o seu inicio debe ser inmediato.

É posible, só precisa dunha decisión política; estanse facendo en moitos concellos galegos. As Pontes tamén pode facelo.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios