Nota de prensa BNG: CONCELLEIRO DE OBRAS: INFRACCIÓN GRAVE, SANCIÓN, … E DEMISIÓN?

Nota de prensa enviada polo BNG das Pontes

1.270

Logo de máis dun ano da denuncia dun veciño ao concelleiro de Obras do PSOE polas obras executadas no Poboado das Veigas, o seu compañeiro de goberno, o concelleiro de Urbanismo, ven de resolver o expediente sancionador que foi obrigado a tramitar.

No decreto asinado o 19 de xullo, conclúese, de xeito literal, “… Impoñer … a sanción de 6.001 euros, como autor da infracción urbanística grave de realizar obras na parcela …… do Poboado das Veigas, consistentes en construcción auxiliar destinada a porche, sen título habilitante que a lexitimara e ilegalizable, para uso complementario á vivenda con cheminea para cociña.”

Tamén resolve o concelleiro de Urbanismo “REDUCIR NUN 90% a antedita multa, ao haber demolido a construcción e reposto a realidade física alterada antes de resolverse este procedemento, …”, e “…Comunicar ao infractor que si abona no prazo de período voluntario, reducirase a multa nun 50%, quedando fixada en 300,05 euros; sempre e cando, nese prazo, o infractor mostre por escrito a súa conformidade con esta e renuncie expresamente ao exercicio de toda acción de impugnación no referido prazo.”

Pola contra, non contempla o concelleiro de Urbanismo outras circunstancias consideradas agravantes, segundo a lexislación aplicábel, como a condición de cargo público do seu compañeiro de goberno, ou o seu coñecemento técnico da actuación pola súa profesión ou actividade habitual.

O 18 de xullo o concelleiro de Obras comunica ao seu compañeiro que “… abonei a multa reducida nun 50 …” e “…Que amoso a miña conformidade coa sanción imposta …”

Dende que recoñece a comisión da ilegalidade, o concelleiro do PSOE ven de participar en dúas sesión plenarias nas que se debateron temas moi importantes, algún deles relacionados co urbanismo. Para o BNG, fai máis dun ano que o concelleiro de Obras debería ter presentado a súa demisión, ou, no seu defecto, sería o alcalde (?) quen debería telo cesado. Pois ben, a nosa posición reforzase cando é o seu compañeiro de goberno, o concelleiro de Facenda, quen coa súa resolución confirma as nosas denuncias e reafirma as nosas demandas nos Plenos: o concelleiro de Obras ten cometido una infracción urbanística grave, ten sido sancionado, e coa súa conformidade, logo a súa demisión xa tarda. Ou que o alcalde, de selo, actúe.

Asemblea Local do BNG das Pontes

También podría gustarte
Comentarios