Nota de prensa do BNG: O GOBERNO MUNICIPAL DO PSOE OCULTOU INFORMACIÓN IMPORTANTE Á COOPERATIVA CANLE IV

Nota de prensa enviada pola Asemblea Local do BNG das Pontes

1.249

As Pontes, 25 de agosto de 2018.- O alcalde e o seu grupo de goberno manexaron información sobre da existencia de lumes na parcela na que se está a promover unha cooperativa dunhas 100 vivendas, sen poñela á súa disposición antes da compra dos terreos pola entidade.

Segundo información oficial aportada pola Xunta en resposta a unha solicitude do BNG, en abril de 2012 o concelleiro de Urbanismo requiría da Consellaría de Medio Rural “… a serie histórica de incendios no concello das Pontes, a súa localización, o ano e a superficie queimada, a cartografía vectorial dos perímetros queimados …”, para a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal; uns vinte días despois, o concelleiro recibía, no seu enderezo electrónico, en abril de 2012, a información solicitada.

Pasados máis de tres anos e medio, en decembro de 2015, a Cooperativa pagaba a Endesa 1 millón de euros polos case que 140.000 m2, sen advertencia algunha dos lumes por parte da empresa ou do Concello, até que en abril de 2017, na tramitación ambiental da modificación de normas para o cambio de clasificación urbanística dos terreos, a Xunta indicaba a existencia de dúas áreas queimadas duns 43.000 m2 -case que a terceira parte da superficie total- en incendios no 2010, que, na aplicación da lexislación, “… non poderá producirse un cambio de uso nos 30 anos seguintes …”, polo que “… deberán excluírse da proposta de reclasificación, mantendo a súa condición actual de solo rústico a lo menos durante o período temporal establecido por lei.”

O BNG ten preguntado ao concelleiro de Urbanismo en varías ocasións nos Plenos, algunha delas por escrito, dende cando tivo coñecemento da existencia dos lumes, sen ter resposta algunha, aínda comprometéndose a facelo por escrito en xaneiro de 2018; e non sería por falta de tempo: ten unha dedicación exclusiva duns 35.000 euros.

Tendo en conta a gravidade dos feitos, o BNG demanda do alcalde a súa inescusábel asistencia ao Pleno Ordinario de setembro para que, no cumprimento das súas obrigas, aporte toda a información necesaria e dea conta das inmediatas e urxentes medidas a desenvolver para depurar as evidentes responsabilidades políticas.

Asemblea Local do BNG das Pontes

También podría gustarte
Comentarios