PREFERENTE NORTE. CD AS PONTES 3 – VIVEIRO CF 2.

No día do homenaxe a Malena, sufrido triunfo do As Pontes, que estrelou dous balóns nos postes, ante o Viveiro, o que lle permite conservar o liderato.

846

Vitoria moi sufrida a do As Pontes no día de hoxe ante un Viveiro con moito mellor equipo que o ano anterior, no que perdera por 4-0 no Campo do Poboado hai apenas nove meses.

De feito, as primeiras aproximacións de perigo foron visitantes, e tras unha falta botada por Xaime que despexa Paco, o balón quédalle morto a Miguel, pero o seu disparo despexao co corpo o porteiro ferrolán (7´).

Foi tras un disparo do propio Xaime que desvía un defensa local e acabou colándose pegado ó poste que se adiantaron os lucenses (14´). Pero a raíz deste tanto chegou un vendaval pontés. Primeiro é Pardo o que se interna por banda esquerda e bate por baixo ao ex gardamallas pontés Kiko (19´).

Despois é o propio xogador de Ortigueira, que nesta ocasión se adentra por banda dereita, e o seu pase cara atrás envíao Dani ó fondo das mallas dun disparo cruzado (24´). Logo era Bossa quen facía un pase en profundidade, e Carlos, só ante Kiko, controlao co peito, regateao e marca a porta baleira (30´)

Semellaba que o As Pontes encarrilaba o encontro pero tras un centro ó segundo pau dun xogador visitante que marchou moi só polo flanco esquerdo, chegou dende atrás completamente só Marino para bater sen deixar caer o balón a Paco de tiro cruzado (37´).

O encontro voltábase a poñer emocionante, e iso que un balón que quedou morto na área pequena, enviouno Dani ó poste (38´). Si ben antes do descanso, nun balón ó que non chega Paco a piques está de marcar Arturo cabeceando coa porta baleira (40´).

No segundo tempo houbo alternativas polos dous equipos, si ben, Sergio, tras desfacerse dun rival encarou só á portería pero o seu disparo acabouno sacando Kiko co corpo (51´). Moito máis clara a tivo pouco despois Alex, que tras recibir un pase en profundidade de Fidi, encarou a portería dende o medio do campo, disparou ante a saída de Kiko e o balón foi paseniño cara a porta acabando por ser repelido polo poste (54´).

Tras un forte disparo a media altura de Tichu dende fora da área que vai moi axustado ó lateral da rede (63´), responde o equipo local con outro forte disparo de Sergio, que volve a despexar Kiko (69´), e unha ocasión de Ramos, que en gran posición, centra en lugar de tirar, e o balón é despexado pola zaga visitante (74´).

Xa nos últimos minutos, destacar unha cabezada de Meitín a rentes do pau (78´), un gran cabezazo na área pequena de Martín, que marchou por pouco por riba do longueiro (83´), e un forte disparo de Xaime dende fóra da área que chapa Paco (88´).

Despois de cinco sufridos minutos de desconto o colexiado sinalou o final do encontro e o As Pontes lidera a clasificación con seis puntos, empatado coa Sarriana, un Arzúa ó que visita na vindeira xornada, e o Noia, pero con mellor goal average que estes tres equipos.

No vixéximo primeiro encontro oficial entre ambos conxuntos, decimo terceira vitoria local, por catro empates e catro triunfos visitantes. Antes do comezo do encontro gardouse un minuto de silencio polo falecemento do pai do directivo Peruzzi e a nai do colexiado pontés Evaristo Puentes Leira. Tamén se lle fixo unha merecida homenaxe á porteira pontesa do Deportivo, Malena Mieres, Campiona de Europa Sub19.

As Pontes. Paco, Criado, Alex, Rego, Sánchez (Martín 45´), Dani, Adrián, Bossa, Carlos, Fidi (Ramos 70´), Pardo (Sergio 32´).

Viveiro CF. Kiko, Agus, Dani (Pablo 73´), Yoel, Miguel (Uriol 90´), Iván, Meitín, Xaime, Arturo (Paz 60´), Tichu, Marino (Rolle 78´).

Goles. 0-1, Xaime (14´), 1-1, Pardo (19´), 2-1, Dani (24´), 3-1, Carlos (30´), 3-2, Marino (37´).

Árbitro. Eduardo Rodríguez Penas (A Coruña). Auxiliado nas bandas por Sánchez Martínez e Gallo Escudero. Amarelas a Sánchez, Yoel, Paz, Arturo e Iván.

Campo e incidencias. Campo de O Poboado. Máis de 200 espectadores en tarde soleada.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios