AMIGABLE DE PRESENTACIÓN. O ESTEO FS 4 – CD BURELA FS 2

Brillante triunfo do conxunto pontés ante un dos mellores equipos galegos e histórico da Liga Nacional

970

O equipo pontés de fútbol sala do Esteo presentouse este mércores diante da súa afección ante un dos mellores equipos galegos, o Burela, que militou cinco anos na Primeira División e está será a súa undécima campaña en Segunda.

De feito, o equipo lucense afronta por segunda temporada consecutiva o intento de retornar á máxima categoría do fútbol sala español. Na pasada campaña perdeu nas semifinais do play off de ascenso, e nesta, aparte da continuidade do ex internacional Matamoros, o porteiro naronés Edu, e Helder, entre outros, fixo varias fichaxes de Primeira División.

Retorna Iago Míguez, do Santa Coloma, Lucho e Vargas, do Levante, Juanfran do Segovia, e Imanol do Jaén, así que é un dos máximos candidatos ás dúas prazas de ascenso.

Prantou cara dende o inicio o equipo pontés e nun primeiro tempo que rematou sen goles resaltar unha ocasión na que Bruno quedou só e un paradón de Jesús.

O segundo tempo xa comezou cun ritmo frenético, e tras un saque de banda marcou Luisma tras petar o balón no longueiro (21´). Isto espoleou ós locais, e acto seguido Jacobo empataba tras recoller un rexeite e fusilar por riba a Imanol (22´), e o propio xogador ferrolán anotou o segundo tras un gran lanzamento de falta (23´).

O conxunto lucense dirixido por Juanma Marrube foi a polo empate, e tras un paradón de Javichu a tiro de Vargas e o posterior rexeite que Juanfran enviou ó poste (25´), anotaron os visitantes cun tiro cruzado de Pitero (32´).

Tamén avisaron os locais nunha xogada de estratexia na que Alex Durán estrelaba o balón no poste (33´), e arriscando os visitantes con porteiro xogador, o onubense Vargas tivo unha doble ocasión que salvou Javichu como gato panza arriba, e na mesma xogada Alex Durán enviaba o balón dende a súa área e conseguía despexar o ex de Santiago, Navarra e Levante, Lucho, coa cabeza (35´).

Probou fortuna tamén o Esteo con porteiro xogador, e Cokito cedelle o balón á Ayala, que quere marcar de tacón ante a saída de Imanol e acaba anotando con suspense en segunda instancia (36´).

Foron a polo empate os mariñáns e Vargas estrelou un balón no longueiro, pero acto seguido, trala sexta falta dos visitantes anotou Alex Durán o 4-2 de tiro directo (37´).

Seguiuno intentando ata o final o conxunto da Mariña, incluido un disparo á cruceta de Juanfran (39´), pero o marcador non se moveu e o equipo pontés logra ante a súa afección un triunfo de prestixio ante un histórico dos últimos anos do fútbol sala español.

O ESTEO FS. 1 Jesús, 6, Cokito, 7 Alex Durán, 8 Héctor, 20 Jacobo – 13 Javichu, 11 Bruno, 14 Troncho, 21 Dani, 24 Ayala.

CD BURELA FS. 1 Edu, 6 Luisma, 7 Porto, 9 Pitero, 14 Pope – 23 Imanol, 4 Lucho, 11 Juanfran, 15 Vargas, 17 Nito.

Goles. 0-1, Luisma (21´), 1-1, Jacobo (22´), 2-1, Jacobo (23´), 2-2, Pitero (32´), 3-2, Ayala (36´), 4-2, Alex Durán (37´).

Amarelas a Héctor, Jacobo, Cokito, Javichu, Pope, Luisma, Lucho. Máis de 200 espectadores no Pavillón da Fraga.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios