PREFERENTE NORTE. CD AS PONTES 4 – ATLÉTICO ARTEIXO 0

O As Pontes continua unha semana máis liderando a táboa xunto a Sarriana e Noia

939

Contundente vitoria do As Pontes na tarde de hoxe 4-0 ante o Atlético Arteixo. Rápido se puido poñer por diante o equipo azul tras unha internada de Pardo por banda esquerda, na que centra e Dani envía o balón ó poste. Na mesma xogada, o rexeite colleo Fidi e o seu forte disparo con marchamo de gol, rebota nun defensa e vai a córner (5´).

Respostou o cadro visitante cun zapatazo de primeiras de Rubén, que desvía Paco a saque de esquina (9´), pero foi Pardo o que pelexou un balón, internouse por banda dereita, prantándose ante o porteiro ó que bate a pesar do pouco ángulo anotando o primeiro (14´).

Foron os de Mauro García Juncal, ex xogador de Primeira co Rayo Vallecano e a mítica SD Compostela, a polo empate, e preto estiveron de logralo. Primeiro tras un centro de Nano, que lle queda algo curto ó ex xogador do Xuvenil pontés de División de Honra, Dapo, que cabecea por riba do escuadro (32´).

Despois, tras un balón botado dende o seu propio campo, dispara Nano un trallazo que se vai por pouco por riba do longueiro (38´). Antes do descanso avisou o As Pontes nunha internada de Criado, que centra, pero o balón vaille algo longo a Pardo que chegaba completamente só para cabecear (40´).

Ata que ó borde do intermedio, Fidi cédella ao xogador de Ortigueira, que se interna, centra, e Dani marca a pracer chegando dende atrás (44´). No segundo tempo os visitantes buscaron recurtar distancias, ingresando ó goleador Denis López, e tamén se complicou nalgún momento o equipo local xogando cara atrás.

Sen embargo, a mellor ocasión no reinicio correu a cargo de Carlos que disparou fora tras rematar de primeiras un bo servicio de Alex (55´). Nunha xogada na que Nano quedou completamente só, salvou Paco (77´).

Chegando ó final sentenciaron os locais nunha contra na que chega Alex por banda esquerda ata liña de fondo, centra, e Pardo só ten que empurrar o balón ó fondo das mallas, sentenciando o encontro (84´).

A última ocasión visitante chegou tras un disparo cruzado de Nano, o xogador máis incisivo dos arteixáns (87´). Xa nas postrimerías, outra contra de libro executada polos de Marco Roca, nun calco da xogada anterior, centra Alex, e Quique marca a pracer (90´).

Tres valiosos puntos nun encontro moito máis compricado do que indica o marcador, e o As Pontes lidera a táboa unha xornada máis con 12 puntos, os mesmos que Sarriana e Noia, pero nunha Liga tan competida na que o sexto está a só tres puntos.

Terceira vitoria consecutiva no Poboado nos duelos en Preferente entre ambos equipos, tras dous empates anteriores na Terceira División. A vindeira semana chega o San Tirso, que leva sete puntos, oitavo.

CD As Pontes. Paco, Criado, Alex, Rego, Sánchez (Martín 35´), Dani (Ramos 76´), Adrián, Bossa, Carlos (Quique 69´), Fidi (Sergio 84´), Pardo.

Atlético Arteixo. Jose, Isi, Gabri (Denis 46´), Josito, Geri, Nano (Luis 87´), Dapo, Ayaso, Rubén, Sergio (Rebollo 84´), David (Montes 79´).

Goles. 1-0, Pardo (14´), 2-0, Dani (44´), 3-0 Pardo (84´), 4-0, Quique (90´).

Árbitro. Iván Rubio Aviñoa (Vigo). Auxiliado por Pérez Martínez e Novas Benavides. Amarelas a Sánchez, Carlos, Ramos e Josito.

Campo e incidencias. Campo de O Poboado. 200 espectadores, en tarde soleada.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios