Nota de prensa do BNG: GOBERNO MUNICIPAL DO PSOE: ERROS, MEDIAS VERDADES E FALSIDADES

Nota de prensa enviada polo BNG local.

708

As Pontes, 24 de setembro de 2018.- O Pleno extraordinario e urxente celebrado onte ás 8:30 horas foi outra evidencia máis dos erros do PSOE na tema da Cooperativa Canle IV, un proxecto coa súa orixe no acordo entre o Comité de Empresa e Endesa no 2001, que non se concreta até 2006, que se paraliza logo das municipais de 2007, e que se recupera en 2012 como oportunidade de creación de emprego e reactivación económica, cun total de 274 veciños e veciñas con interese de participación no mesmo (hoxe son menos de 100, non só de Endesa).

Algúns dos moitos erros cometidos polo PSOE até o momento son:

  • a non implicación e participación iniciais do Concello,
  • non atender a proposta da xestora da Cooperativa en 2013 de cambiar a situación para os terreos urbanizábeis industriais de Endesa nas Veigas,
  • a construción do circuíto de karts anulando a posibilidade de participación do Concello,
  • a ocultación da información dos lumes antes da compra dos terreos pola Cooperativa,
  • o non permitir no 2013 debater unha moción para considerar o proxecto como estratéxico,
  • a non creación dunha comisión de estudo, informe e consulta no 2015,
  • a non inclusión no convenio dos 75 millóns con Endesa, 
  • a inexistencia dun convenio urbanístico Endesa-Cooperativa-Concello,
  • a proposta inviábel en 2017 de cambiar a rústico nas Campeiras por urbano para a Cooperativa –ocultada á veciñanza das Campeiras, aos cooperativistas, e aos grupos da oposición-,
  • o intento mal tramitado dun procedemento ambiental simplificado que resultou nun alongamento dos trámites,
  • a paralización intencionada do Plan Xeral, …

A todos eles debería engadirse o corrixido -ao parecer-, no último segundo, onte no Pleno. Segundo o Ministerio de Economía y Empresa, dirixido pola socialista galega -da Coruña- Nadia Calviño, o documento enviado polo PSOE en xullo era merecedor dun informe desfavorábel … por no adecuarse a la normativa sectorial de telecomunicaciones …”, por impoñer “… restricciones desproporcionadas al despliegue de infraestructuras que conforman las redes públicas de comunicaciones electrónicas …”, por conter “… referencias incorrectas a la legislación aplicable en materia de telecomunicaciones…”, polo que a advertencia era tan clara como preocupante: ou se corrixe no prazo máximo dun mes ou “no podrá aprobarse el correspondiente instrumento de planificación territorial o urbanística …”; como é posíbel tal erro con 5 dedicacións exclusivas e 2 asesores cun custe anual de máis de 250.000 euros?.

Mais para o PSOE o problema debía de ser tan pouco importante –non estaba o alcalde, coma sempre; votou, de novo, o concelleiro de Obras sancionado por unha infracción urbanística grave-, que o concelleiro de Urbanismo falou doutros temas, como a conversión dos urbanizábeis das Campeiras, dos Chaos e do Rego do Campo en rústicos, e da non afectación a edificabilidade doutras zonas.

Pois ben, unha media verdade, xa que a perda dos urbanizábeis é culpa do PP polo cambio da lei, mais o PSOE tamén ten responsabilidade por non ter feito o Plan Xeral, logo de 12 anos de maiorías absolutas. E tamén unha falsidade, xa que a modificación vai afectar ao resto: facíao dun xeito escandaloso e oculto en maio de 2017 coas Campeiras, e faino no documento de xullo/setembro de 2018 xa que a ampliación de vivendas que contempla en superficies urbanizábeis (unhas 484) deben repartirse en catro áreas (Campeiras, Os Chaos, Rego do Campo, e Cooperativa), unha máis que antes; ou dito doutra maneira, ou se diminúe a superficie total do resto de urbanizábeis a unhas 10 Ha, ou, manténdoas todas, redúcese á súa edificabilidade unhas 5-10 veces.

Está claro que o PSOE, entre festa e festa, vai camiño de ser quen de transformar un procedemento legal, regulado, e, polo tanto, lexítimo, de reclasificación de solo rústico, nun enfrontamento social de dereitos individuais incompatíbeis. E todo por unha xestión (?) política baseada nos erros, nas medias verdades e nas falsidades.

Asemblea Local do BNG das Pontes 

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios