PREFERENTE NORTE. CD AS PONTES 4 – CD FOZ 0

Goleada do As Pontes que segue líder unha semana máis, seguido a dous puntos por Noia e Sarriana

916

Goleada do As Pontes na tarde de hoxe 4-0 ante o Foz, o que lle permite liderar a táboa unha xornada máis, xa que os seus inmediatos perseguidores tampouco ceden. Comezou o encontro con dous disparos con perigo de Bossa, si ben co xogo cara atrás dos locais a piques estiveron de levarse un susto, pero Paco chegou ó balón antes que Xenxo.

Foi nun balón pelexado por Pardo, que lle cede o esférico a Dani, quen dentro da área, marca de forte disparo conseguindo o primeiro (12´). Sen embargo, aguantaba o cadro lucense ben prantado atrás ante un As Pontes que buscaba o segundo e a tranquilidade.

Internada perigosa de Carlos por banda dereita, que salva un defensa (17´), nunha cesión a Trullo, o propio xogador de Ares a piques está de roubar o balón (23´), e tras un servicio de Bossa, Alex Cabarcos, que se incorpora, queda só ante o porteiro, e algo forzado remata ó poste (34´).

Foi tras un córner, que Fidi lanza un zapatazo dende o borde da área que acaba entrando polo escuadro, conseguindo o 2-0 que encarrilaba o partido (39´).

No segundo tempo, tras un centro de Alex dende banda esquerda o balón pasease pola área ata que o empala cara adentro Dani (55´), e despois é Erni, recén ingresado no campo, o que avanza por banda esquerda e dende fóra da área lanza un zapatazo que se cola polo escuadro logrando a sentenza (63´). Entremedias, Carlos rematou a rentes do pau (59´).

De aí ó final, o cadro visitante pechouse buscando non recibir máis goles, e o As Pontes aínda puido conseguir un quinto, primeiro nun balón que se pasea pola área pequena tras córner sen que milagreiramente ninguén consiga metelo dentro da portería (71´).

Máis clara a tivo o Mago de Viveiro, que tras un lanzamento de falta ó borde da área, Trullo desvia o balón ó longueiro (77´), e por último é Pardo quen quere probar ó recén ingresado Alonso, pero este desvía o balón a córner in extremis (80´).

O As Pontes conserva o liderato unha semana máis con 21 puntos, ante dous rivais que non ceden, o gran equipo do Noia e a sorprendente Sarriana, que seguen a dous puntos. Próxima visita ó complicado Negreira, que só suma seis puntos, pero recén descendido de Terceira.
Achégase o As Pontes ó Foz, xa que está é a decimoquinta victoria en partido oficial polas dezaseis dos lucenses. Nos duelos no Poboado, 12 triunfos locais, por 4 visitantes e 3 empates.

CD As Pontes. Paco, Ramos (Criado 61´), Alex (Trillo 73´), Rego, Martín, Dani (Toni 69´), Martínez, Bossa, Carlos (Erni 61´), Fidi, Pardo.

CD Foz. Trullo (Alonso 79´), Cayón (Antón 60´), Chinchón, Canario, Chao (Cristian 60´), Jacob, Gonzalo, Asier, Xenxo (Jorge 73´), Rivera, Alex.

Goles: 1-0, Dani (12´), 2-0, Fidi (39´). 3-0, Dani (55´), 4-0, Erni (63´).

Árbitro: Edgar Soto Eiroa (A Coruña). Auxiliado por Rosende Cancela e Galán Laguela. Amarela a Chinchón.

Campo e incidencias: Campo de O Poboado. Uns 150 espectadores en tarde soleada e fría. Por mor dos arranxos no graderío de presidencia, todo o público tivo que sentarse no outro extremo.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios