PREFERENTE NORTE. ATLÉTICO CORUÑA MONTAÑEROS 1 – CD AS PONTES 3

O As Pontes iguala o récord de dez vitorias seguidas nun inicio ligueiro, e queda a unha de igualar a mellor racha de once triunfos consecutivas no transcurso dunha Liga

452

O CD As Pontes logrou este domingo á tarde-noite en Coruña unha sufridísima vitoria ante o Montañeros. No Campo da Grela, nun lugar cunha rúa adicada a un pontés ilustre coma Jose María Rivera Corral, e con dous ponteses no equipo coruñés, Hugo Filgueiras e Elmer Bouza, os azuis igualaron o mellor inicio ligueiro da historia do clube.

Corenta e seis anos despois dos dez triunfos consecutivos logrados na temporada 1972-73, igualase o teito nesta 2018-19, e o que é mellor, quédase a un só triunfo de igualar a mellor racha de once triunfos seguidos, conseguida na segunda volta da campaña 1994-95.

Non era o día máis axeitado, por mor do clásico, ata oito partidos se xogaron entre o sábado e o domingo pola mañá, cos homes de Marco Roca coa presión no cogote polos triunfos de Sarriana, Noia e Ribadeo. Por riba, o horario tardío das 18:15, que serían as 19:15 sen cambio de hora, provocou que moi rápido se fixera de noite.

O Montañeros é un equipo que non reflicte a súa posición baixa na clasificación. Foi dos que en máis apretos puxo ós azuis no que vai de Liga, amosando porque foi o único conxunto capaz de arañarlle un empate á Sarriana, e iso que para o encontro de onte non contaba Pepe Mariño coas súas tres estrelas, Herbert, Juan Pérez e Hugo Criado.

Nunha contra aos cinco minutos, quedou só Rubén Pardo e acaba batendo de forte disparo ó gardamallas local, sumando xa dez tantos, o que parecía presaxiar un triunfo cómodo. Nada máis lonxe da realidade. Os seguintes corenta minutos foron de total dominio do cadro local.

Co vento en contra e sen poder contar co desequilibrio do de Ortigueira, que se retirou por un pinchazo, os azuis quedaron pechados na súa área, sendo dominados polos morados. Por riba, o costume de xogar cara atrás con moito risco deu máis dun susto, e así, nun roubo de balón, Tosca regatea a Paco e salva Rego baixo paus (16´).

Tras outra contra local, é outro defensa azul o que desvía milagreiramente a córner un balón que se colaba (31´), e nestes minutos o porteiro ferrolán tivo que facer algunha que outra boa intervención. Por parte do As Pontes tan só destacar un control que se lle marcha moi longo a Erni e un balón que se lle queda atrás a Carlos. Pero tanto foi o cántaro á fonte, que preto do descanso Javi Suso daba un máis que merecido empate ó equipo local cun remate forte dentro da área (44´).

Comezou a segunda metade con malas sensacións para os azuis. Si os morados dominaron todo o primeiro tempo co vento a favor, non asi o As Pontes, nun segundos 45 minutos que foron de dominio alterno, e de feito Paco tivo que facer unha gran parada a un disparo dende fóra da área (55´).

Foise sacudindo a presión como puido o As Pontes, que estirou liñas, e nunha deixada de Erni a Quique, o xogador de Ares, remata, rebota o balón nun defensa e non entra de milagre (67´). Foi pouco despois, tras un saque de banda de Bossa, que o outro xogador de Ares, Carlos, mete a punteira, o balón pasease pola área pequena e acaba entrando (69´).

Pero non se cansou de buscar o segundo o equipo local, ata o final, pero xa co tempo cumprido, un gran disparo dende moi lonxe do central Martín, pillou adiantado a Lestón e bateo por alto, situando o 1-3 definitivo, que non reflicte o sufrido do marcador (90´).

Xa no desconto, un colexiado excesivamente tarxeteiro, sacoulle a vermella directa a Quique por un choque fortuito (92´), polo que o As Pontes non poderá contar con él, nin quizais cos tocados Pardo e Alex, para o encontro deste xoves.

O As Pontes, con 30 puntos, dous por riba de Sarriana, seis de Noia, e dez de Ribadeo, buscará a undécima vitoria consecutiva na casa ante o Sofán.

1 Atlético Coruña. Lestón, Filgui (Barral 77´), Vigo, Charli (Elmer 72´), Sebas, Moure, Tosca (Álvaro 80´), Currás, Javi, Kevin, Fernando (Escarda 67´).

3 CD As Pontes. Paco, Criado (Martín 73´), Ramos, Rego, Sánchez, Dani, Adrián, Toni (Quique 66´), Carlos, Fidi (Bossa 45´), Pardo (Erni 30´).

Goles: 0-1, Pardo (5´), 1-1, Suso (44´). 1-2, Carlos (69´), 1-3, Martín (90´).

Árbitro: Elespe Tireux (Santiago). Auxiliado por Maldonado González e Gil Candelas. Amarelas a Filgui, Currás, Adrián, Toni, Fidi. Expulsou con vermella directa a Quique (92´).

Campo e incidencias: Campo de A Grela 1. Uns 200 espectadores en tarde-noite venteada e moi chuviosa por momentos.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios