Amigus Labs, imos á Oshwdem!

Amigus Labs presentaremos os nosos proxectos na OSHWDem (Open source Hardware Demonstration), a gran feira de tecnoloxía libre e aberta que se celebrará no museo Domus da Coruña. A entrada é gratuíta.

338

A Domus convértese este sábado na meca da robótica e a informática coa OSHWDem, a feira destinada ao público familiar coa que a asociación BricoLabs traballa desde hai anos por difundir o uso das tecnoloxías de código aberto. A súa sétima edición, que comeza este sábado ás 10.00 horas, reunirá no museo centos de proxectos realizados por afeccionados, empresas e centros de formación de España e varios puntos de Europa, que acompañarán as súas exposicións con competicións de robots, conferencias e unha ducia de talleres.

A Oshwdem realízase coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Desde Amigus Labs arte e creación dixital, o laboratorio cidadán de As Pontes integrado na rede mundial de fablabs, levaremos os nosos últimos proxectos realizados: o barco solar autónomo, a nosa gran maquina repleta de leds “Amigus Labs • Pixel”, un panel interactivo para proxectar desde curiosas animacións, ata xogar cun gran Tetris, todo iso controlado por un luminoso mando bluetooth baseado no deseño do Garabullo que fixo Diego Lale.

Ademais teremos algúns dos 20 Escornabot fabricados polos usuarios máis novos de Amigus Labs, e que actualmente se atopan como ferramenta de axuda de aprendizaxe en You Can School of English.

Tamén teremos unha zona para as nosas mini recreativas, manexadas desde unha Raspberry Pi.

Ademais desde Amigus Labs participamos este ano no proxecto CloneWars, un reto de impresión 3D colaborativa. Este ano o reto CloneWars OSHWDem 2018 será encher a parede de engrenaxes de múltiples cores e formas! Desde Amigus Labs deseñamos máis de 100 tipos diferentes de engrenaxes, e xa estamos a piques de imprimir máis de 100 unidades.

Alí esperámosvos! 🙂

Máis información en OSHWDem (Open source Hardware Demonstration)

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios