PREFERENTE NORTE. CD AS PONTES 10 – AGRUPACIÓN ESTUDIANTIL 2

O As Pontes consigue por terceira vez nos seus 58 anos de historia gañar un partido anotando dez ou máis goles

707

Contundente goleada do As Pontes na tarde noite de hoxe 10-2 ante o Estudiantil da Estrada. E iso que ata o minuto 33 non abriron a lata os de Marco Roca, pero a partir de ahí resultaron imparables para os visitantes.

Na primeira metade, tras centro de Pardo, cabeceou Dani anotando o primeiro (33´). Despois o propio Dani chega ata liña de fondo, cede cara atrás, e marca Quique a pracer (41´), e antes de chegar ó descanso o outra vez Dani marca de forte zapatazo dende fóra da área (43´).

Trala reanudación o propio Dani selaba o seu particular hat trick, tras aproveitarse dun bo servicio de Erni, para rematar ó fondo da rede (49´), e logo era Erni o que recollía un bo centro de Josiño para marcar de tiro cruzado (53´).

Incorporouse ben Criado por banda dereita, quedou só ante Bahía, e bateuno con tranquilidade (54´), e Sergio Trillo nada máis entrar facía o sétimo a centro do propio Criado (56´).

Redondearon o marcador, Erni, cun disparo por alto (66´), Toni, cun golazo dende fóra da área de vaselina (75´), e tras un tiro cruzado facía a decena Erni e o seu particular hat trick (85´), para un As Pontes que tampouco apretou moito.

Maquillaron o marcador os pontevedreses con dous tantos, o primeiro tras despexar o balón dende fóra da área Pelayo, rebotou en Manuel Antonio, xogador que aproveitou para marcar a porta baleira (68´). De falta tamén anotou Adrián, a un balón axustado ó que non chegou Pelayo (87´).

En definitiva tres puntos máis para un As Pontes que suma 57, por 42 de Viveiro e 41 de Arzúa, e xa deixa o ascenso nunha marxe de 16 puntos de colchón. Precisamente comezará o 2019, visitando ó Viveiro e recibindo ó Arzúa. De momento, merecidas vacacións.

É a terceira vez que o As Pontes consigue 10 ou máis goles desde que comezou a competir oficialmente en 1960. As outras dúas goleadas datan da campaña 1977-78 en que se gañou ó San Mateo por 13-0 e 0-10.

O As Pontes suma tamén 75 goles nesta campaña e está moi preto de alcanzar os 88 goles, que é o segundo mellor rexistro do clube. Resultaralle virtualmente case imposible alcanzar precisamente os 146 goles daquela campaña 1977-78 na Segunda Rexional.

Pero non se lle pode pedir a un equipo nos tempos de hoxe que gañe 19 partidos seguidos para igualar unha primeira volta de hai 46 anos, que só se xogaban oito partidos, como tampouco se lle pode pedir a un equipo que consiga 147 goles no fútbol de hoxe en día.

Cada época é cada época. Xa o conseguido é estratosférico. Con só 20 partidos xa é a sétima temporada con máis goles, quedando dezaoito encontros por xogarse.

CD As Pontes. Pelayo, Criado, Alex, Sánchez, Martín (Toni 55´), Dani, Adrián (Óscar 46´), Bossa, Erni, Quique (Trillo 55´) Pardo (Josiño 46´)

Agrupación Estudiantil. Bahía, Ismael (Diego 44´), Mamadou, Miguel (Dimitar 32´), Xenxo, Manuel Antonio, Borja, Abel, Adrián, Carlos, Javier.

Goles: 1-0, Dani (33´), 2-0, Quique (41´), 3-0, Dani (43´). 4-0, Dani (49´), 5-0, Erni (53´), 6-0, Criado (54´), 7-0, Trillo (56´), 8-0, Erni (66´), 8-1, Manuel (68´), 9-1, Toni (75´), 10-1, Erni (85´), 10-2, Adrián (87´).

Árbitro: Carlos Quintas Lorenzo (Ourense). Auxiliado por Pérez Dapia e Farougou Diallo. Sen tarxetas.

Campo e incidencias: Campo de O Poboado. Uns 150 espectadores.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios