Carta aberta ó Sr. Alcalde das Pontes: “Porqué o home é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra?”

Carta enviada por Xosé-Bieito Coello Coello

1.985

No ano 1987, cando rematou a 2ª lexislatura democrática do Concello das Pontes, quedaba adxudicada á empresa Cuiña S.A. a obra de ampliación da ponte de Isabel II, despois da realización dun proxecto polo enxeñeiro de camiños Sr. Moure e revisado polo arquitecto, especialista en rehabilitacións, Sr. Alcalá, que seguía os criterios das ampliacións de pontes situadas en lugares de grande interese patrimonial como Allariz, Noia, Pontedeume, etc,. O traballo consistía basicamente, en colocar unha lousa de formigón armado que quedaba oculto ancheando a calzada, retirando previamente as pedras que conforman os muros de seguridade laterais e volvendo colocar estas pedras exactamente como estaban anteriormente no borde da lousa. 

Esta obra permitía, igual que nas pontes dos Concellos citados, facer beirarrúas na ponte, co que se conectaba perfectamente a Avda. de Galicia coa Avda. de Lugo por ámbolos dous lados.

A obra non se realizou, porqué algunhas corporacións queren diferenciarse do que fan as anteriores, aínda que fora correcto e necesario o que aquelas planificaran. E o que se fixo foi gardar o proxecto e a adxudicación no caixón e facer unha pasarela, extremadamente antiestética, insegura, e que obriga ós peóns que van pola beirarrúa da dereita en dirección o Chamoselo, ou o revés, en cruzar unha ou dúas veces a estrada, e loxicamente sen cumprir ningunha mínima norma de Patrimonio.

Despois de moitos anos, inténtase seguir coa mesma barbaridade, gastando a enorme cantidade de 700.000 €, -aínda que exista unha subvención parcial da Deputación, non deixan de ser cartos de todos-, e o que se pretende e mellorar a pasarela, que no entorno seguira sendo antiestética, mais non arranxar o problema principal que é o da seguridade dos peóns, polo que dentro duns anos volveremos a gastar para acadar a solución definitiva.

Se houbese sensibilidade no Concello, aínda están a tempo de estudar de novo este proxecto e facer unha obra con moito máis sentido. Mais da a impresión de que o que se pretende e facer moitas obras, iso si, sen estudalas cun bo asesoramento, e desa forma non resulten tan útiles, como sería necesario, para a maioría dos cidadáns. Xa pasou o mesmo na praza do Hospital, onde o que se fixo foi convertela nunha rotonda, práctica para os coches, mais que non ten utilidade para os cidadáns como praza. Tamén nese caso existía un proxecto, que incluso gañara un concurso, e que facía a praza máis racional.  

Xosé-Bieito Coello Coello

As Pontes, 28/01/2019

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios