IV CUP Dani Rivas 2019

Levouse a cabo este domingo no circuito pontés

143

Este domingo disputouse nas Pontes a cuarta edición da CUP Dani Rivas, proba en honra ao ex piloto galego falecido en Laguna Seca en 2015. No evento participaron preto de 40 mozos motociclistas, de 6 a 12 anos, nas categorías de Minimoto e Mini GP, non só chegados desde toda a xeografía española, senón tamén dende Portugal, Polonia ou Estados Unidos. 

Na rolda de prensa posterior ao evento os organizadores destacaron, a pesar do forte vento deste domingo na localidade pontesa, “a calidade do circuíto, que mellorará nun futuro con algúns pequenos retoques”. Pola súa banda o edil de deportes, Chicho Tembrás, destacou a importancia para As Pontes de organizar un evento de tal magnitude, que habitualmente só se disputa en grandes cidades españolas, e lembroulles aos pilotos que se algún día gañan un Mundial lembren o seu paso pola localidade mineira. 

Posteriormente foi a quenda de pilotos consagrados, como Xavi Forés, comentando o piloto catalán que esta proba facíalle lembrar os seus inicios, e recalcoulles aos nenos, que “o importante é divertirse e tomalo como un xogo, e sobre todo estudar”. Aspectos estes que corroborou o tamén ex piloto Campión Mundial de 125 cc en 2009, Julián Simón, quen fixo fincapé ademais en que para alcanzar o seu soño “os nenos teñen que traballar e adestrar, con moitas horas de sacrificio”. Tamén estivo presente Esteban García, mecánico de Maverick Viñales, terceiro clasificado do Mundial de Moto GP 2017. 

O último en tomar a palabra foi o pai de Dani Rivas. No seu discurso, Willy Rivas, destacou que “os nenos teñen que ser nenos, e a través dun deporte tan nobre como o motociclismo ensinarlles a converterse en persoas”. Destacou que compartía rolda de prensa con varios dos seus mellores amigos, e que este deporte une tanto ás persoas que o seu propio neto chámase Xavi en honra a Forés. 

Moi emocionado destacou a figura de Iván, un mozo en cadeira de rodas, que cando o seu fillo Dani percorreu media Galicia, recurrindo a empresas importantes, ofrecendo o seu casco por cinco mil euros, esta persoa comproullo por sete mil, simplemente “por amor ao motociclismo e a eses valores que tratamos de inculcarvos, a vosa perseveranza e o sacrificio dos vosos pais. Tedes que ser educados e estudar, e non pensar en ser campións de nada, aquí é campión do primeiro ao último. Hai que marcarse metas próximas e a curto prazo, aprender a loitar, a caer e levantarse, a ter unha lesión e superala”.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios