OURO E PRATA PARA O CLUBE SILEX NO GRAN PREMIO DE ESPAÑA

Disputouse esta fin de semana en Cáceres con unha gran actuación de Alvariño e Castro

130

Gran rendemento dos arqueiros locais Miguel Alvariño e Dani Castro no Gran Premio de España Ciudad de Cáceres, que se disputou esta fin de semana na localidade extremeña. A proba era de gran nivel pois contaba con 67 participantes, seis deles da selección polaca.  

Os dous arqueiros do Silex xa comezaron con bo pe nas tiradas previas, pois Alvariño foi segundo cos mesmos 661 puntos que Miguel Ángel Pifarre, si ben o catalán fixo máis deces, mentres que Dani era cuarto con 655 puntos. Terceiro Pablo Acha con 658.

Xa nas roldas eliminatorias, Alvariño, exento da primeira, foi superando sucesivamente por 6-0 a Alejandro Costa e Felipe López, e en cuartos por 7-1 a Marek Szafran alcanzando as semifinais.

Pola súa banda, Dani, tamén exento da primeira rolda, gañou 6-0 a Álvaro Artime, por un axustado 6-4 ao seu ex compañeiro na Selección Española junior, Ken Sánchez, e 6-0 en cuartos a Álvaro Simó alcanzando tamén a penúltima rolda.

Xa nas semifinais, cómodo triunfo 6-0 de Miguel ante o seu compañeiro da Selección Española, o prometedor Pablo Acha, mentres que Dani sufriu máis para gañar a Antonio Fernández por 6-5, tras ter que disputar dúas frechas de desempate que se resolveron con dous axustados 10-10 e 10-9 a prol do pontés. 

Na final gañou Alvariño por 6-2, e iso que se comezou adiantando Dani cun 28-27 na primeira manga, pero soubo remontar Miguel con 29-27, 28-24 e 27-26 nos seguintes tres sets.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios