Acto de apertura do Museo Etnográfico Monte Caxado

A Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado quere informar do acto de apertura das novas instalacións do museo, ubicadas na Praza da Igrexa de As Pontes, que terá lugar o vindeiro día 30 de marzo de 2019 ás 12:00 do mediodía.

185

Este novo equipamento cultural co que conta o noso concello é un proxecto persoal de José María López Ferro, actual presidente da Fundación e alma mater do museo, que dende o ano 1984 recolleu pezas e útiles, empregados polos nosos devanceiros durante o século XIX e boa parte do XX, ata integrar unha colección etnográfica senlleira que aglutina a día de hoxe máis de 4.000 obxectos.

O inmoble que acolle as novas instalacións foi cedido pola veciña Caridad Formoso Antón e rehabilitadas con cargo a un convenio de colaboración entre o Concello de As Pontes e a Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado, asinado no ano 2018. A Deputación da Coruña colaborou tamén coa entidade na adquisición de equipamentos informáticos e electrónicos, con cargo a unha axuda de investimentos para o ano 2018.

O proxecto de rehabilitación que adaptou a vivenda a uso museístico correu a cargo da empresa construtora CANOSA SL, executando un proxecto arquitectónico desenvolvido pola firma  CERNA ARQUITECTOS, SCP seguindo as liñas establecidas no Plano Muselóxico redactado e executado pola empresa de xestión cultural CULTUREUME, SC.

O novo equipamento conta con preto de 2.000 obxectos expostos nas súas 33 seccións que permiten ao visitante facer unha auténtica viaxe no tempo, para coñecer e descubrir como era a vida dos nosos antepasados, nunha Galicia rural que nada ten que ver coa de hoxe en día.

A Fundación contempla asemade a realización de diferentes actividades durante todo ano, tales como obradoiros, conferencias, exposicións, concertos, co fin de que este novo equipamento se convirta nun punto de xeración cultural máis do municipio pontés.

A entrada ao museo será gratuita en horario de martes a venres de 18:00 a 19:30 e sábados, domingos e festivos de 11:30 a 13:00. Tamén poderanse concertar visitas guiadas para grupos noutros horarios, previa comunicación nos teléfonos 670509697 e 698148890.

Nova cortesía da Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado
Imaxe cortesía de Hugo Arias

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios