SEGUNDA DIVISIÓN “B” DE FÚTBOL SALA: O ESTEO FS-DEPORCYL GUARDO FS (7-6)

Un espectacular Esteo gaña ao colíder Guardo, equipo que so perdera un partido en toda a Liga co líder Benavente

219

O Esteo pontés de fútbol sala logrou este sábado un brillante triunfo nun espectacular encontro no que se lograron once goles na segunda metade, oito deles nos últimos sete minutos. 

O Guardo chegaba á Fraga empatado a 54 puntos co Benavente, e con unha soa derrota en toda a Liga contra este mesmo equipo. O equipo pontés infrinxiulle a segunda, 7-6, e curiosamente tamén o único encontro que perdera na casa o equipo de Benavente fora 3-4 co Esteo. 

Adiantábanse pronto os visitantes nunha boa xogada de equipo na que Kuin marca libre de marca (3´). Pero uns segundos antes do descanso igualou o gran xogador de Pontedeume Pana, que controla e marca de tiro cruzado por raso (20´).

En toda a primeira metade resaltar dous lanzamentos ao poste de Alex Durán, un que petou no longueiro e despois na liña, un tiro á cruceta de Dani contra a súa portería, unha xogada na que o visitante Rober saca co corpo un balón que ía cara dentro, e unha magnífica doble intervención de Javichu.

O segundo tempo foi un toma e daca e un vendaval de goles. Poñíanse por diante os visitantes nunha xogada na que Iván se desfai do seu marcador e so ante Javichu marca de tiro cruzado (23´). 1-2.

Pero respostou Jacobo cun disparo á cruceta, e xogando os palentinos cun menos, nunha boa triangulación entre Jacobo, Pana e Cokito, este último acaba facendo o empate a porta baleira (26´). Pouco despois, tras un xogadón de Ayala, Bruno chegando só ao segundo pau marca de forte disparo (27´). 3-2.

Tras un disparo ao poste de Cifu, en dúas desafortunadas accións voltaban a poñerse por diante os visitantes. Tiro de Iván que desvía Troncho ás redes (33´), e nunha xogada con posible falta visitante, na que despexa o balón como pode Javichu, este caelle nos pes ao gran xogador Rober, ex do Parrulo, que marca a porta baleira (34´). 3-4.

Non se descompuxeron os locais e pouco despois igualou Ayala de tiro raso (35´), e volteaban o marcador cun saque de banda do propio xogador que moi atento en boca de gol Rober Paz manda ó fondo das mallas (36´). 5-4.

Pero foi tras unha falta directa que igualaron os visitantes por medio de Cifu (37´), pero pouco despois puxo o 6-5 Jacobo tamén dende os dez metros (37´), e o propio xogador ferrolán enviou outra falta directa ó longueiro.

Si marcou Rober Paz moi atento tras roubar un balón co xogo de porteiro xogador dos palentinos anotando o 7-5 dende a súa área (38´). Pero non se daba por vencido o Guardo e cun remate dentro da área de Iván volvían a apretar o marcador faltando un minuto (39´).

Aguantou o Esteo como puido e sumou un brillante triunfo que o sitúa sétimo con 38 puntos antes de visitar ó Ventorrillo, sexto cos mesmos puntos. 

FICHA TÉCNICA:

O ESTEO FS: Javichu, Héctor, Pana, Bruno, Ayala – cinco inicial – Cokito, Alex, Rober Paz, Troncho, Jacobo, Dani. 

DEPORCYL GUARDO FS: Gómez, Rober, Beto, Kuin, Chochi – cinco inicial – Davicín, Albert, Iván, Cifu, Óscar.

GOLES: 0-1, Kuin (3´), 1-1, Pana (20´). 1-2, Iván (23´), 2-2, Cokito (26´), 3-2, Bruno (27´), 3-3, Iván (33´), 3-4, Rober (34´). 4-4, Ayala (35´), 5-4, Rober Paz (36´). 5-5, Cifu (37´). 6-5, Jacobo (37´), 7-5, Rober Paz (38´). 7-6, Iván (39´).

ÁRBITROS: Presedo García, Roldán Pérez, Bermúdez Abal (Santiago-Pontevedra). Amarelas a Cokito, Javichu, Troncho, Rober, Cifu, Iván, Edu, Expulsado por dobre cartón Albert (24´).

INCIDENCIAS: Pavillón de A Fraga. Uns 200 espectadores.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios