PREFERENTE NORTE. XALLAS FC 0 – CD AS PONTES 5

O As Pontes queda a un paso de ascender en Santa Comba, logo do apurado triunfo do Arzúa e do empate do Viveiro nos últimos minutos

626

O As Pontes quedou este domingo a un só punto do ascenso logo do rotundo triunfo 0-5 ante o Xallas de Santa Comba, e quedou a un palmo de conseguir o obxetivo despois do apurado triunfo do Arzúa preto do final 0-1 na casa do penúltimo clasificado Castro, e do empate nos últimos minutos do Viveiro 2-2 en Ribadeo.

Asi as cousas, o As Pontes mantén sobre estes dous equipos 17 puntos de ventaxa con 18 por xogar. Cun empate a vindeira fin de semana no Poboado ante o Castro lograrían os azuis o retorno á Terceira División. 

E precisamente outra vez en Santa Comba quedou o As Pontes a un paso de ascender. Naquel campo, na 2004-05, perdera o As Pontes 4-2 contra o Atlético Mineiro na última xornada de Liga, nun encontro no que os azuis puxeran o xogo, e os locais os goles, con Marco Roca no campo.  

Ascendera o cadro de Santa Comba xunto ao Lemos, finalizando terceiro un As Pontes que logo lle gañara a promoción dos terceiros á Ponte Ourense, e ao que un gol máis do Bouzas na súa eliminatoria co Móstoles lle houbese dado o ascenso ao equipo pontés.

O partido de hoxe foi moito máis sufrido do que indica o marcador, e de feito ata case o descanso non se abriu a lata e foi nun centro de Alex Cabarcos que Oliver intenta despexar introducindo o balón na súa porta (44´).

Neste primeiro período resaltar un remate de cabeza de Dani que marcha preto do escuadro (13´), e tras un gran pase de Quique, chegando en boca de gol, Carlos empala o balón fora moi preto do pau (15´), mentres que polos locais Jacobo fixo estirar a Paco (19´).

O segundo tempo comezou con ocasións alternas. Nun balón que queda morto tras rexeite do porteiro, nin Dani nin Erni atinan a rematar (50´), e a piques estivo de marcar Dani a pase de Carlos, pero no seu disparo o balón foi ao longueiro (60´). 

Polos locais, un remate de Jacobo moi pegadiño ao pau é desviado maxistralmente por Paco (51´), Carlos cabecea moi preto do poste (62´), e máis clara a tivo Abel que se impuxo no salto pero cabeceou moi centrado (66´).  

Pero foi mediado o segundo período, que tras un servicio dende banda de Carlos, controla Quique dentro da área e bate a Coke de tiro cruzado facendo o 0-2, e na mesma xogada foi expulsado por protestar o local Rubén (67´).

Aí acabou o partido. Logo é Carlos quen lle disputa un salto ao porteiro, gañandolle o balón e marcando a porta baleira (71´), e dende fora da área anotaron Quique (74´) e Alex (82´), para un As Pontes que acabou con moito ritmo pois incluso Dani, por dúas veces, e Erni, tamén puideron anotar o que sería o gol número 100 nesta Liga do As Pontes, debutando nos derradeiros minutos o xuvenil Vilela.

O As Pontes poderá ascender a semana que ven na casa, e borrar o mal recordo da campaña 2009-10. Nun Poboado cheo, os azuis, con Bossa no campo, tiñan que vencer ao Xove Lago para asegurar a praza, e gañando 1-0, faltando pouco, nun penalti que non era empataron os da Mariña.  

Colmo de males, o goleador fora o pontés Antonio, e no desconto, o irmán de Chicho, Alex Díaz, hoxe no Somozas, estrelara dous balóns no longueiro. Os azuis acabaran ascendendo a semana seguinte en Noia (0-2) e subiron cos mesmos puntos que o Mesón do Bento. 

0 Xallas FC. Koke, Santi (Mata 81´), Dani Becerra, Abel (Adrián 78´), Doro, Julián López, Carlos (Víctor 87´), Marcos, Rubén, Jaco López, Óliver.

5 CD As Pontes. Paco, Ramos (Criado 82´), Alex, Martín, Sánchez, Dani, Adrián, Quique (Josiño 79´), Carlos, Fidi (Vilela 82´), Pardo (Erni 48´). 

Goles: 0-1, Oliver, propia meta (44´). 0-2, Quique (67´), 0-3, Carlos (71´), 0-4, Quique (74´), 0-5, Alex (82´).

Árbitro: Rubén Calviño Pensado (Santiago). Auxiliado nas bandas por Rodríguez Vaamonde e Brea Cumplido. Amarelas a Fidi, Oliver, Becerra. Expulsou con vermello directo ao local Rubén (67´). 

Campo e incidencias. A Fontenla. Máis de 100 espectadores, moitos ponteses, en tarde moi chuviosa.  

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios