Voceiro do BNG das Pontes

Voceiro do mes de Abril dde 2019

175

As Pontes: un pobo industrial sen solo industrial

Un dos abandonos máis grande que tivo (e ten) este pobo nos últimos anos foi a total falta de planificación e de execución de solo industrial, onde a última actuación municipal foi a ampliación dos Airíos en 2006 polo goberno municipal do BNG; de feito hoxe non existe ningunha parcela industrial dispoñible, o Concello non ten onde situar un novo proxecto, grande ou pequeno, que implicara crear emprego nas Pontes.

Moita propaganda sobre As Pontes como pobo industrial pero ningunha realización. E iso que o programa electoral do PSOE de hai catro anos falaba, de xeito textual: “Somos territorio industrial”, … “creación dunha Nova Área Empresarial de Espiñaredo-Saa”, … mais, como sempre, só fume.

A caída na industria durante os 12 anos do goberno de Valentín recóllese claramente na perda de afiliación á Seguridade Social: pasamos de 5.485 afiliacións a 4.165, é dicir 1.320 menos, importante diminución que se deixa notar, e moito, na economía diaria do noso pobo.

A desculpa bótanlla á crise, que debeu afectar a todo menos a facer festas; pero coa mesma crise outros pobos planificaron solo industrial, o exemplo máis próximo témolo en Vilalba que xa está tramitando a ampliación do seu Polígono en 300.000 m2 máis, ou en Muras con 123.000 m2, ou Cospeito onde se están a urbanizar 105.000 m2 por uns 1,9 millóns de euros, asumidos, na súa totalidade, pola Deputación de Lugo; namentres, nas Pontes seguimos sen ningunha realización, ningún proxecto e coa perda dos Fondos Miner que había para esta infraestrutura.

As Pontes: un pobo sen servizos sociosanitarios básicos

Mentres nas Pontes levamos 12 anos a reclamar a segunda praza de Pediatría que se nós quitou, ou os servizos de Xinecoloxía e de Raios X, o goberno municipal deixou de lado outras opcións para atender demandas moi importantes, tanto polas súas características como polo seu número, e ampliar os servizos sociosanitarios na nosa Vila.

É o caso, para o BNG, das Unidades Terapéuticas Especializadas no Alzhéimer, tan só 18 en toda Galiza, das que 10 son públicas, número que está a aumentar, implantándose en Mondoñedo, Moraña, Vilalba ou Viveiro; nelas, ademais do servizo de atención e estancia, fanse valoracións iniciais, apoio a actividades básicas e de ocio, mantemento e rehabilitación, e formación e asesoramento ás familias ou unidades de convivencia; outros Concellos están a ofertar servizos de detección para o seu tratamento na fase inicial.

Tamén se están a implantar nos Centros de Saúde, como no de Lalín, as denominadas Unidades de Hospitalización a Domicilio, que atenden ás persoas derivadas do propio Centro ou do Hospital que cumpren uns criterios, cun informe sociofamiliar positivo, que contan cunha coidadora que poida colaborar, e sempre coa conformidade da persoa e/ou da súa familia.

No caso de radioloxía, concellos como Lalín, A Estrada, Arzúa, Noia, ou Vilalba instalaron nos seus ambulatorios equipos máis modernos, con menos tempo de exposición, máis precisos, e máis doados de manexar, cun investimento por parte do Sergas duns 70.000 euros en cada un deles.

Outros Concellos están a ampliar os servizos que xa teñen, como por exemplo tratamentos para os pés no domicilio das persoas dependentes, actividades e terapias para os casos de Alzhéimer e para as súas familias, servizo de comida a domicilio para garantir unha boa alimentación a maiores, dependentes, ou persoas con pouca autonomía persoal, …

E, como non, a Residencia Pública de Maiores na Canle IV, reclamación da que o BNG ten levado á Xunta, á Deputación, e ao Concello as primeiras 1.200 sinaturas na súa demanda; e continuamos!!!!!

También podría gustarte
Comentarios