PREFERENTE NORTE. CD AS PONTES 11 – CD CASTRO 1

O As Pontes consigue o ascenso e o campionato trala segunda maior goleada do clube en competición oficial

809

O As Pontes conseguiu este domingo pola mañá retornar á Terceira División dous anos despois, e fíxoo pola porta grande, proclamándose Campión do grupo Norte, e gañando 11-1 ao Castro, na segunda maior goleada en competición oficial, a anterior databa dun 13-0 ao San Mateo na 1977-78. 

O partido tivo pouca historia e xa ao descanso marchouse con 5-0. Os tantos foron anotados por Carlos (4), Pardo (2), Quique, Criado, Bossa, Erni e Dani. Ademais, hai que contabilizar tres postes e varios paradóns do cancerbeiro visitante. 

Carlos adiantaba aos locais con dous tantos de cabeza, tras saque de córner, que se colaban polo escuadro, e o terceiro e o cuarto, eran do propio Carlos, e do seu paisano Quique, que anotaron de tiro cruzado tras quedar sós ante o porteiro. O quinto antes do descanso era de Criado que aproveitou un balón que se paseou pola área. 

No reinicio voltaba a marcar Carlos, o seu póker, tras rematar en boca de gol un centro de Criado, e o sétimo foi unha obra de arte do Mago de Viveiro Bossa, un golazo de falta polo escuadro. Pardo facía o oitavo tras rematar a pracer un servicio de Rivas, e Brais de falta directa poñía o da honra para os vermellos.

Logo era Erni o que aproveitaba un rexeite do balón no pau a tiro de Ramos para bater por alto a Rodrigo, Dani facía o décimo cun potente disparo axustado ao poste dende fóra da área, e o derradeiro antes do pitido final fíxoo Pardo chegando só dende atrás. 

Quinta vitoria do As Pontes como local ante o Castro, por tres empates. Líderes e xa campións con 88 puntos, próxima xornada, visita ó Ribadeo, sexto con 58. 

Nun día de récords, Carlos López sitúase con 22 goles, a catro do seu paisano Pedro Sánchez Julián, que ten o mellor rexistro goleador dos azuis na Preferente Norte, con 26 tantos na 2005-06. 

Ademais, os locais xa suman un espectacular rexistro de 110 goles, o segundo mellor da historia do club, lonxe dos 146 da 1977-78 na Segunda Rexional, doutras épocas. 

CD As Pontes. Paco (Pelayo 62´), Criado (Ramos 57´), Alex, Rivas, Sánchez (Martín 48´), Dani, Adrián, Bossa, Carlos (Pardo 51´), Fidi, Quique (Erni 54´). 

CD Castro. Rodrigo, Joel, Brais, Asier, Miguel, Daniel, Javier (Raúl 83´), Alberto, Hugo, Nico (Sergio 79´), David. 

Goles: 1-0, Carlos (5´), 2-0, Carlos (24´), 3-0, Carlos (29´), 4-0, Quique (31´), 5-0, Criado (36´), 6-0, Carlos (48´), 7-0, Bossa (56´), 8-0, Pardo (60´), 8-1, Brais (64´), 9-1, Erni (66´), 10-1, Dani (67´), 11-1, Pardo (90´). 

Árbitro: Marcos Ordóñez Rodríguez (A Coruña). Auxiliado por Vázquez Lema e Vilanova Antelo. Amarelas a Sánchez, Daniel, Javier e David. 

Campo e incidencias: Campo de O Poboado. Uns 350 espectadores en mañá con ceo encapotado.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios