A necesidade dunha Europa de esquerdas para garantir os dereitos básicos para as persoas

Artigo de opinion enviado por María Chao

28

Recentemente tiven a oportunidade de participar nun encontro de cargos municipais de toda Europa no Parlamento Europeo, convidada pola eurodeputada Lídia Senra. 

Quedou claro que, con independencia de dónde vivamos, os problemas que temos as persoas son comúns ou moi similares. Desta volta, abordamos a necesidade de garantir unha vivenda digna para todas as persoas, polo mero feito de selo. Nos últimos tempos a maioría dos desafiuzamentos na nosa terra son por impago do aluguer, non por impago da hipoteca coma antes, e vemos tamén con preocupación cómo está aumentando o número de persoas sen teito. As galegas, cos salarios de miseria que nos ofrecen, xa non podemos permitirnos mercar unha vivenda, tampouco pagar un aluguer, e temos que recorrer ás nosas familias (as que temos a sorte de tela). E Galegas en feminino, o 56% das persoas en risco de pobreza ou exclusión social somos mulleres. 

Noutros lugares de Europa sen embargo o problema de falta de vivenda social está máis enfocado ás persoas migrantes provintes dos países de oriente, que fuxen das guerras. Aínda que no pleno centro de Bruxelas puidemos comprobar cos nosos propios ollos cómo familias enteiras con meniños pequenos durmían á intemperie na rúa, en pleno inverno. 

É ésta a Europa que queremos? 

Precisamos políticas de esquerdas que garantan os dereitos dos cidadáns europeos. Hai países que nos dan exemplo de cómo facer as cousas ben, como Suecia. Ninguén en Suecia paga máis do 20% do seu salario polo aluguer da vivenda habitual. E se é así, percebe unha axuda do Estado. Outro exemplo atopámolo en Holanda, o país da UE con máis vivenda social construída.

Os problemas que nos afectan a toda a poboación europea son comúns, e céntranse: na loita contra das violencias machistas; na necesidade de vivir nun mundo con aire, auga e terra limpas; ter empregos e salarios dignos e que cando cheguemos á xubilación, teñamos tamén unhas pensións públicas e dignas que nos permitan vivir adecuadamente; loitar contra dos fascismos, garantir os dereitos humanos, das persoas polo mero feito de selo. Non, ningunha persoa é ilegal. 

Temos que seguir loitando por unha reforma da PAC que permita a todas as persoas en activo obter unha renda mínima para habitar, vivir e coidar do noso rural; unhas cotas pesqueiras xustas e coidar do sector do mar; facer unha mellor redistribución dos fondos da UE na que se poña no centro ás persoas e non os intereses do capital. Non queremos que se destinen os fondos a crear un exército europeo nin a fabricar e mercar armas. Queremos que estes fondos se destinen a mellorar a vida das persoas, a desenvolver proxectos sostibles, a xerar empregos con salarios dignos, a combater a despoboación, a permitir que podamos vivir do noso mar e do noso campo. 

Dende Bruxelas decídense as liñas estratéxicas a aplicar nos Estados Membro, pero somos nós, os cidadáns e as cidadás as que co noso voto, dicimos qué políticas queremosÉ o noso deber poñer os dereitos das persoas por encima dos do capital,e sabemos que é posible. 

Para iso precisamos galegas no Parlamento Europeo que defendan a nosa terra e os nosos intereses como galegas. É imprescindible a túa participación nas eleccións, votando tamén nas europeas, e votando a En Marea – Compromiso por Europa e a Lídia Senra. 

Pero isto non remata o domingo, é imprescindible que te impliques na vida social do teu barrio, colaborando cos colectivos en defensa dos teus dereitos, ensinando e educando ás crianzas nos principios e valores en defensa dos dereitos do ser humano e do coidado do medio ambiente. Mudar as cousas depende de cada un e de cada unha de nós. 

María Chao.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios