«Un ciclo de obra civil en As Pontes sería un proxecto único»

O centro explora novas vías no ámbito da soldadura e caldeiraría, servizos sociais e construcción

304

Desde fai unhas semanas, o profesor Óscar Pita Corral exerce de responsable de dinamización da FP Dual do seu centro, o IES Castro da Uz de As Pontes, onde é profesor de Electromecánica de Vehículos. O instituto solicitou a súa entrada na rede autonómica co obxectivo de explorar as novas posibilidades educativas que se poderían abrir no futuro. O programa, dependente da Consellería de Educación, busca fomentar a actividade laboral nas empresas, sen esquecer a actividade formativa nos centros. 

-Foi seleccionado como un dos 47 dinamizadores que hai en Galicia. 

-Despois de 18 anos na empresa privada e outros 18 na ensinanza, creo que teño a capacidade para analizar a realidade que temos. A conclusión á que chego é que as titulacións teñen que ir ligadas á formación. As grandes empresas están trasladando a gran carencia de profesionais que existen porque oferta si que hai, pero moitas veces non está exposta correctamente. 

-E é aí onde entra o seu traballo… 

-Efectivamente, a miña tarefa consiste en facer unha sondaxe pola comarca para saber que necesidades hai por parte das empresas, que demandas existen nos diferentes sectores. Todo isto para adaptarse á FP Dual aínda que non todas as titulacións poden facelo. 

-¿En que situación se atopa a oferta do Castro da Uz? 

-Agora mesmo temos dous ciclos medios -Electromecánica de Vehículos e Informática- e os superiores de Administración e Finanzas e Mantemento Electrónico. O certo é que temos poucos alumnos, pero tamén que todos os que rematan se empregan. E se tiveramos o triplo tamén os colocaríamos. Precisamente esta foi unha das razóns de meternos da FP Dual. 

-Nos seus encontros con empresarios da zona, ¿que necesidades detectou? 

– En resumo, que hai tres ou catro ciclos con gran interese para As Pontes, pero polo de agora ningún está implantado no centro. Un deles, no ámbito da obra civil, conta cun gran traballo previo feito polo Concello. Xa tivemos varias conversas. É un gran proxecto que nos gustaría establecer aquí porque non hai ningún outro en toda Galicia. 

-¿En que máis sectores? 

-Temos unha gran demanda no de soldadura e caldeiraría. Tanto é así que hai polo menos seis empresas do municipio que nos manifestan a súa demanda para contar con profesionais cualificados, así como a súa disposición para participar na FP Dual. Outra vía que exploramos e que nos interesa no municipio é a dos servizos sociais. Tanto é así que unha soa empresa local absorbería a totalidade do ciclo. Nesta caso, trataríase de dos cursos, un deles vinculado coa asistencia a domicilio. Coa FP Dual hai unha aposta pola formación na empresa porque se multiplican as horas que o alumno pasa na mesma. Se lográsemos implantar este tipo de cursos en As Pontes crearíamos unha canteira de profesionais moi importante. Os nosos alumnos terían novas oportunidades laborais e as empresas a xente formada e preparada que precisan, pero a decisión non é nosa. 

-Por medidas como esa podería pasar o futuro. 

– Sen dúbida, pero eu estou convencido de que As Pontes ten futuro. Aínda que as necesidades agora mesmo non están cubertas porque o que demandan algúns dos sectores e das empresas da zona non coincide coa nosa oferta. Pero temos que aspirar a gañar oferta educativa. Sobre todo porque se a un mozo lle dis que aquí en As Pontes vai ter traballo e saídas laborais, estou seguro de que optará por quedarse. 

-¿Como se presenta o próximo curso no centro? 

-Está a cousa difícil, pero hai vida e estamos respirando. Precisamente, para avanzar e mellorar sumámonos ao programa de FP Dual. Temos esta oportunidade para facer as cousas polo centro, así que temos ilusión. O único que nos falta é alumnado. 

-Para dar a coñecer o que fan, hoxe programan unha xornada de portas abertas. 

-Así é. A idea é transmitir o que facemos desde cada departamento. Neste centro traballase moi ben e hai unhas instalacións fantásticas. Estaremos durante todo o día, de 08.30 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas.

Fonte: La Voz de Galicia

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios