Xurxo Iglesias: «O público pontés é moi esixente, terei que responder a ese nivel»

Iglesias prepara o lanzamento de «Alpha», o seu primeiro traballo discográfico en solitario

170

Despois de máis de dúas décadas ligado á música -nas que tocou acompañando a artistas como Susana Seivane- Xurxo Iglesias (As Pontes, 1977) lánzase co seu primeiro traballo discográfico en solitario: Alpha. «Son moitos anos, pero cada día teño máis ilusión. Iso non pode faltar», subliña. O pontés, que presentará o disco o próximo 8 de xuño no auditorio Alovi, compaxina esta faceta coas súas clases na Escola de Música de Ortigueira. 

-¿Custou moito chegar aquí? 

-Pódese dicir que levo traballando toda a vida neste proxecto. Non é a primeira ver que gravo, pero tiña moitas composicións. A parte de tocar, sempre compuxen, así que tiña moito material gardado. Pero, xa centrado e posto nisto levo un ano máis ou menos. Foi o de máis traballo de composición e arranxos porque todas son creacións miñas. No disco toco a guitarra, mandolinas e bouzzouki. 

-Non está só, ¿de quen se acompaña? 

-Contei con varias colaboracións. Nas frautas está Pepe Vaamonde, na zanfona Germán Díaz e na arpa Rodrigo Romaní. Pero ademais tamén está a pegada de Andrea Gutiérrez á guitarra, Tabea Graser coa súa voz, Brais Maceiras no acordeón, Nacho Sanz na percusión e a do acordeonista bielorruso afincado en Lugo, Vadín Yukhnevich. 

-¿Por que o título de «Alpha»? 

-É a primeira letra do alfabeto grego e, en sentido figurado, é o comezo de algo. Para min tamén é o inicio da miña andadura en solitario, así que pensei que era unha boa idea para reflectir os sentimentos de crecemento, evolución e desenvolvemento persoal que considero que estou atravesando. 

-¿Atreveríase a poñerlle nota ao resultado final? 

– A verdade é que estou tremendamente satisfeito. Moi, pero que moi contento porque era un proxecto difícil de levar a cabo. A complexidade harmónica e rítmica estaba aí, pero resolveuse sen problema cun resultado fantástico. Era o que buscaba desde o principio e non podo máis que darlle as grazas aos músicos que me rodean e que participaron no disco. 

-É músico profesional, pero tamén profesor de guitarra. ¿De onde lle vén tanta paixón pola música? 

-Realmente de ningún sitio. Desde pequeno gustábame e decidinme pola guitarra, ese foi o meu primeiro instrumento. Pero non houbo, como lle pasa a outra xente, unha persoa que me animara a decantarme. Empecei de forma autodidacta e despois entrei na Rondalla Vila de As Pontes. Posteriormente, entrei no Conservatorio e xa fixen toda a carreira. 

-A estrea do traballo será en As Pontes, ¿máis nervios por tocar na casa? 

-Desde o principio tiña claro que a presentación sería na casa, ningún sitio mellor para facelo. O de estar ante un público coñecido sempre é un arma de dobre fío porque te reciben con moito calor, pero o público é moi esixente. Terei que responder ao mesmo nivel.

Fonte La Voz de Galicia

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios