TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES 2 – CD CHOCO 3

Terceira derrota na casa ante o líder

184

O As Pontes perdeu por terceira xornada consecutiva pola mínima na casa, e aínda non sabe o que é puntuar no seu campo do Poboado, o único conxunto da categoría. 49 anos despois gana o Choco en terras pontesas.

No encontro deste domingo, o líder Choco foi moi superior no primeiro período, e xa se puideron adiantar tras un mal pase de Gonzalo, que acaba rematando Monchito e salva Berto tirándose polo chan (8´), e pouco despois, nunha internada, remata Adrián, o balón toca en Sánchez e vaise fora por pouco (9´). 

Nun pase en profundidade queda so Adrián e salva Paco (17´). Sacudiuse un pouco a presión o equipo local e Carlos remata preto do escuadro (24´), e despois pelexa un balón Cambón a Cortegoso, e no rexeite, primeiro Dani e logo o propio xogador herculino rematan, pero salva o gardamallas dos redondeláns (32´).

Pero no último tramo deste primeiro acto voltou a dominar o cadro pontevedrés. Paco despexa un disparo de Félix dentro da área (36´), pero non pode facer nada nunha contra na que Yeray centra dende banda dereita e na área pequena remata a pracer Adrián (39´). E antes do descanso, balón morto que lle cae a Diego, que dispara moi alto (44´).

O reinicio continuou coa mesma tónica, e nunha xogada na que interviron os tres homes de ataque dos visitantes, o balón milagreiramente non entrou por dúas grandes paradas de Paco, e outra intervención de Berto baixo paus (49´). O lateral, un dos mellores, a pesar de ser xuvenil hai poucas semanas.

Pero tanto foi o cántaro á fonte que noutro pase en profundidade queda só Adrián e a Paco non lle queda máis remedio que facer penalti, que anota Félix (53´). Incluso nun balón que perde Alex, dispara Yeray, e volve a sacar Berto baixo paus aínda que semellaba que a bola ía fora por pouco (60´). 

Pero cando parecía que todo estaba perdido, fútbol é fútbol, que dícía o famoso adestrador serbio, e nunha xogada na que Carlos regatea a Cortegoso, remata, saca Yago baixo paus, e entra o segundo remate axustado ao segundo pau (61´). Por si fora pouco, o propio dianteiro de Ares cabeceou á madeira unha falta botada por Gonzalo na xogada posterior (63´).

Pero pouco dura a ledicia na casa do pobre e noutra xogada na que os de Redondela voltaron a amosar o seu potencial, centro de Caloi dende banda dereita, recolle o balón dentro da área só Yeray e marca por alto ben colocado ante o que Paco nada puido facer (68´). 

E puideron sentenciar os vermellos nunha cabalgada de Mario, que lle cede a Yeray, que so ante Paco remata a rentes do pau (78´). Os locais respostaron cun remate a bocaxarro de Pardo que despexa Cortegoso (84´), e outra vez, cando parecía perdido, nunha segunda xogada, colga Gonzalo, peitea o balón Caridad, e empala Carlos ao fondo da rede (85´), logrando o seu sexto gol e o pichichi momentáneo. 

Nos últimos instantes aínda se aproximou á area o equipo azul por dúas ocasións, pero tanto Caridad (90´) como Carlos (91´), remataron por alto. O equipo segue cos mesmos catro puntos, cun mal panorama coa visita ao segundo clasificado Ourense na vindeira xornada.

Preocupante situación dun equipo que hai uns meses era campión e máximo goleador e agora colista e, a pesar de Paco, segundo máximo goleado, so mellor que o Bouzas. Terceira vitoria redondelá no Poboado, por nove locais e un empate. 

CD As Pontes. Paco, Berto (David Pajaro 79´), Alex, Rivas, Sánchez (Caridad 56´), Dani, Quique (Fidi 56´), Gonzalo, Carlos, Cambón, Pardo.

CD Choco. Cortegoso, Mario (Martín 80´), Diego, Yago, Vitra, Suárez, Yerai, Caloi (Tomás 72´), Adrián, Félix, Monchito (Santos 62´).

Goles. 0-1, Adrián (39´). 0-2, Felix, de penalti (53´), 1-2, Carlos (61´), 1-3, Yeray (68´), 2-3, Carlos (85´).

Árbitro. Gustavo Vidal Fonseca. Auxiliado por Fernández Fernández e Enríquez Pereiro. Amarelas a Paco, Rivas, Gonzalo, Fidi, Mario, Suárez e Yeray.

Incidencias. Campo de O Poboado. Uns 150 espectadores.    

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios