As Pontes sen resposta

As Pontes leva un longo ano en permanente proceso de mobilizacións.

270

Primeiro, pola pretensión de Endesa de reducir e/ou eliminar os beneficios sociais (salario en especie) dos seus traballadores, tanto activos como pasivos, que agora agardan por unha arbitraxe para coñecer o impacto que vai ter na economía de cada traballador, e, por extensión, no da propia vila. Despois, a principios do ano pasado, vimos como a paralización da central térmica de carbón deixou de ser unha curiosidade para converterse en permanente, ao mesmo tempo que se acometían os investimentos para cumprir os requisitos da directiva de emisións industriais, transformación que antes de rematar semella que se pode converter en chatarra.

A dinámica económica e social nas Pontes, dende hai moitos anos, sempre foi de adaptación aos cambios, tanto no que nos afectou na conformación da propia vila como nos cambios tecnolóxicos no funcionamento da central. Agora todo apunta a que estamos ante un novo cambio que vai marcar o noso futuro máis inmediato. 

Unha vila que tantos impactos aceptou, e que achegou, vía liñas eléctricas, o desenvolvemento económico doutros territorios do Estado, así como da propia Endesa, precisa hoxe de compromisos concretos. Percíbese que, polo momento político, As Pontes convértese no campo de batalla electoralista entre a Xunta e o Ministerio para a Transición Ecolóxica. Polo medio temos moitas reunións para a galería, sen compromisos, sen calendario de continuidade, a golpe de improvisación e ningunha efectividade. 

Para a Xunta a culpa é do ministerio que non fai nada, coma se a propia Xunta non tivese competencias en industria; e, pola contra, do ministerio pouco sabemos, está desaparecido. E neste toma e daca, mentres a Xunta e o ministerio xogan a desgastarse mutuamente a conta das Pontes, Endesa segue feliz, anunciando o que quere e cando quere, sen asumir ningún compromiso. Dos millonarios beneficios que obtivo das Pontes xa non se lembra; iso si, reclama para o seu negocio futuro os 1.400 megavatios de evacuación eléctrica. Ante tanto caos, é urxente que a petición social das Pontes fique clara: precisamos dunha soa mesa, estábel, con capacidade representativa e calendario fixado, coa presenza das diferentes Administracións, de Endesa e dos axentes sociais, para poder negociar e acordar o futuro da nosa vila. No máis inmediato, os postos de traballo, auxiliares e transportistas; no futuro a medio prazo, investimentos, proxectos industriais, posibilidade da continuidade da central con outros combustíbeis, etcétera. 

Non é tan difícil: simplemente é constituír a Mesa para traballar, pois é unha ferramenta imprescindíbel, e onde as fotos, as declaracións pomposas e o politiqueo de luces cortas ha de ser o de menos. Esta mesa é moi urxente, non podemos seguir perdendo o tempo. 

As Administracións teñen a resposta, e Endesa debe asumir a súa responsabilidade: As Pontes non é un produto de usar e tirar.

Por Fernando Branco, Nicasio Pena y José Hurtado Responsables de Enerxía da CIG, UGT y CC.OO., respectivamente

Fonte La Voz de Galicia

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios