TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES 3 – UD PAIOSACO 1

Importante vitoria dun As Pontes que xogou con dez e sufriu dous penaltis

199

O As Pontes logrou tres importantes puntos no seu encontro desta tarde ante o Paiosaco, nun partido moi sufrido no que tiveron que facer fronte a unha expulsión faltando case media hora e a dous penaltis en contra. 

Tras dúas aproximacións perigosas visitantes, incluido un paradón de Liz a disparo de César (11´), chegou o primeiro gol local, internada por banda de Pardo, que centra, posible penalti a Carlos que non consegue rematar, e chegando só por banda dereita, David García, actuando de extremo, controla e con mestría de tiro cruzado cola o balón pegado ao poste contrario (16´). 

Non conseguían impoñerse os medios centros locais e os verdibrancos chegaban en perigosas contras, como un tiro de César que marcha un palmo por riba do traveseiro (21´), aínda que os locais tamén puideron poñer terra polo medio cun trallazo de Alex ao longueiro (29´). 

Si o fixeron no reinicio, tras unha xogada na que Gonzalo lla pasa a Alex, que centra, deixa pasar o balón Pardo e mete a punteira na área pequena Cambón que manda o balón ao fondo da rede (49´). O propio xogador coruñés volveu quedar só, pero antes de que rematase anticipouselle Rama por pouco (56´).

Tras unha boa parada de Liz a un remate de Rojo dentro da área (64´), era expulsado Pardo (66´), que viu unha primeira amarela en teoría por simular unha falta e unha segunda nunha disputa de balón, para un conxunto local que xa acabara con nove ante o Silva. 

Pero non se viñeron abaixo e puxo algo de calma o terceiro gol, tras unha boa internada por liña de fondo de Carlos, que centra á área pequena e outra vez Cambón volve gañarlle a partida ao defensa, mete a perna, e cola o balón polo primeiro pau (70´). 

A pesar dos tres tantos de distancia o equipo local tivo que sufrir moito nos últimos 25 minutos con dúas penas máximas. Potente disparo de Diéguez que se colaba pola escuadra pero que Liz desvía maxistralmente a córner (81´). 

Tras unha presunta man dentro da área o colexiado deixou seguir a xogada e acabou sinalando penalti moito tempo despois ante as protestas do cadro visitante. Non acertou Josiño (84´). 

Puideron marcar o cuarto os azuis nunha contra tres contra un, e nun man a man de Carlos con Rama que resolve o cancerbeiro visitante (89´). Xa nas postrimerías volveu sinalar outro penalti o colexiado por unha entrada de Berto e esta vez si acertou Bilal (90´). 

Pero sen tempo para máis, os locais suman 24 puntos, momentáneamente dous por encima do descenso, antes de visitar ao complicado Arousa, cuarto. Debutou en casa Sergio Otero.

Terceiro duelo oficial en O Poboado, e terceiro triunfo local, tralo 4-1 na 2002-03 e o 4-0 na 2017-18, onde ascenderon os da Laracha e Polvorín, e dous puntos por detrás quedara un As Pontes que realizara unha espectacular segunda volta.

CD As Pontes. Liz, Maroñas, Alex, Iván, Cambón (Otero 78´), Dani (Rivas 62´), Pajaro, Gonzalo (Berto 68´), Carlos, García, Pardo.

UD Paiosaco. Rama, Bilal, Popi, Gamallo (Josiño 58´), Edu, Fuentes, Eiroa (Pablo 58´), Samu, Jesús, César (Rojo 58´), Diéguez. 

Árbitro: P.A.C. Auxiliado por Comesaña Veiga e Sánchez Tierra. Amarelas a Dani, Edu, César, Josiño, Riveiro. Expulsado por dobre cartulina Pardo (66´). 

Goles: 1-0, David García (16´), 2-0, Cambón (49´), 3-0, Cambón (70´), 3-1, Bilal, de penalti (90´).

Incidencias: Campo de O Poboado. Uns 200 espectadores, moitos visitantes, en tarde soleada.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios