TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES 2 – OURENSE CF 2

Un golazo de Alex no último minuto da o merecido empate a un As Pontes aínda con vida, cuarto pola cola, e deixa sen liderato ao equipazo ourensán

199

O As Pontes rescatou un valioso e merecido punto co tempo cumprido tras un golazo de Alex Cabarcos que deixou sen liderado ao gran equipo ourensán, que non puido aproveitar o tropezo do Compostela esta mañá ante o Polvorín. 

O encontro foi de maior dominio visitante, que fixo valer o seu gran plantel de medio cara arriba, pero os azuis aguantaron o tipo todo o encontro, con moito traballo da parella de centrais formada por Caridad e Dani. 

Adiantáronse os locais tras unha acción trenzada con pase de Fidi que Quique controla dentro da área, regatea e marca de tiro cruzado (20´). Pero cando se achegaba o descanso, tras unha xogada na área pontesa con choque entre varios xogadores, acabou retirándose lesionado Quique e marcando de penalti Renan Zanelli (45´). 

Xa no segundo tempo, atallou Liz en dous tempos nunha acción na que chegaban dous xogadores visitantes libres de marca (59´), pero logo era Pardo o que respondía cunha perigosa contra cuio disparo desvía Parra in extremis a córner moi pegado ao pau (61´). 

Tralo lanzamento dese córner, era Rivas o que cabeceaba ao poste rematando o rexeite Caridad e sacando un defensa baixo paus (62´). Pero era o Ourense o que lle daba a volta ao marcador cun cabezazo cara atrás de Adri Castro que sorprendeu a Javi Liz (66´). 

De aí ao final os locais buscaron o gol que lles dese polo menos un punto, con apenas Carlos e Pardo na área contraria, coas ausencias de Cambón e Quique, e os visitantes de Fran Justo non se botaron atrás nin perderon tempo, senón que buscaron a sentenza. 

Pero foi nunha falta ao borde da área que Alex Cabarcos, que xa lanzara un zapatazo previamente que fixo estirarse a Parra (79´), lembrou a Bossa, e colou o balón pola escuadra establecendo a merecida igualada definitiva (90´). 

Os azuis, con 28 puntos, son cuartos pola cola, a un da salvación, nunha xornada na que gañaron varios rivais directos, pero tamén Ferrol, Pontevedra e Celta B, e tratarán de traer algo positivo da súa visita ao Arenteiro. 

Sétimo encontro oficial en O Poboado contra a antiga Ponte Ourense, tralos seis disputados entre 1995-2005, e primeiro empate, por dous triunfos locais e catro visitantes. 

2 CD As Pontes. Liz, Maroñas, Alex, Caridad, Dani, Quique (Berto 44´), Gonzalo, Carlos, Fidi (Sánchez 82´), Rivas, Pardo (Pájaro 77´). 

2 Ourense CF. Parra, De Paz (Juanma 75´), Novoa, Portela, Barcia, Cassio, Rodri (Adri 23´), Renan, Lamelas, Pibe (Íker 80), Murillo.

Goles: 1-0, Quique (20´), 1-1, Renan, de penalti (45´). 1-2, Adri Castro (66´), 2-2, Alex (90´).

Árbitro: Rubén Extremadura Hernández. Auxiliado por Rey Simons e Gándara Corrales. Amarelas a Fidi, Maroñas, Alex, Quique, todas para o conxunto local.

Incidencias: Campo de O Poboado. Uns 150 espectadores en tarde chuviosa. 

Nova cortesía de Xose Ferreiro 

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios