DENUNCIA: TALAN AS ÁRBORES DA PRAZA DO CEMITERIO VELLO

Hai un par de semanas as árbores case centenarias que embelecían a praza do Cemiterio Vello, detrás da igrexa da Vila, foron taladas salvaxemente sen atender ao seu valor natural e histórico.

446

Os responsables parecen ser o Concello e a Igrexa, sen que estea moi claro que papel xogou cada un neste atentado ao patrimonio. O que é indiscutible e irreparable é que as árbores xa non darán sombra a ninguén, nunca máis.

A praza atópase nunha finca que é competencia tanto de Augas de Galicia, por estar na zona de inundación do río Eume, como de Patrimonio, por estar no casco histórico, declarado Ben de Interese Cultural . Resulta difícil crer que estes organismos tivesen coñecemento do feito e aínda máis que chegasen a autorizalo.

A operación realizouse coa axuda dunha grúa de grande tonelaxe que accedeu á Vila pola ponte dos Ferros, que ten a carga limitada a dez toneladas, e que hai ben pouco foi obxecto de limpeza e dun detallado estudo de cara á súa conservación. Nese estudo, que está en mans do Concello, déixase ben claro que a ponte non soportaría en ningún caso un peso superior ás vintetrés toneladas; pasar esa grúa pola ponte é dunha irresponsabilidade absoluta .

Para redondear o cúmulo de irregularidades, derrubouse e reconstruíuse de xeito totalmente chapuceiro o muro que rodea o recinto, por suposto sen ningún tipo de control arqueolóxico e sen informar a Patrimonio.

Alguén no Concello debería dar explicacións. Por agora o silencio é absoluto.

Nova cortesía de José Lamigueiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios