Nota de prensa CIG: 1º de maio – As Pontes

A crise sanitaria convertese nunha crise económica e social

144

 ERTE’s 

En anteriores Voceiros informamos do impacto económico e social que esta crise sanitaria está ocasionando na nosa vila. 

Sobre a relación de ERTE’s en diferentes empresas, agora teriamos que engadir algunha máis, sobre as que xa comentamos, en diferentes sectores produtivos, en total calculamos que o número de afectados por ERTE’s en As Pontes supera os 700 traballadores/as. As persoas incluídas nun Erte seguen de alta na Seguridade Social e non contan como parados/as. 

Afiliación á Seguridade Social 

As Pontes é o segundo Concello de Galiza onde máis baixou o número de afiliados/as á Seguridade Social, no mes de marzo, pasou de 4.148 afiliacións a 3.742, é dicir, unha baixada nun só mes de: 406 afiliacións, a grande maioría no réxime xeral. 

Dende a CIG cremos que o efecto máis importante desta baixada, débese á paralización das obras de adaptación da Central Térmica (DEI). 

Paro rexistrado 

O incremento, no mes de marzo, foi de 52 persoas, o que fai un total de 472 parados/as. 

Sector comercial e hostalería 

Cos datos do IAE, estimamos que hai uns 100 comercios ou locais de hostalería pechados

Aínda que debemos esperar polos datos oficiais deste mes de abril, que se publicarán en maio, dende a CIG temos claro que estamos diante dun momento especialmente duro para os traballadores/as e para a economía local, que tamén se vai ver afectada pola aplicación do novo Convenio de Endesa que atinxe a moitas persoas nesta vila, pois pode retraer aínda máis o consumo, e pola inestabilidade que xa viñamos tendo polo parón da Central que afecta a transportistas e tamén pon en cuestión o traballo auxiliar. 

Hai que enfrontar a situación, de pouco vai valer laiarse, pensar en milagres, ou que, vía subvencións, imos vivir permanentemente. Se antes desta crise sanitaria o pobo de As Pontes viña demandando unha responsabilidade das diferentes Administracións e da propia Endesa sobre o futuro da nova vila, agora xa é unha necesidade urxentísima. 

En próximos Voceiros expoñeremos a nosa proposta como sindicato para saírmos desta crise, pero xa adiantamos que non hai fórmulas máxicas, e tamén que a nosa disposición é a de contribución e proposta, sempre suxeita a debates colectivos e compartidos. 

Mais os traballos e propostas para o medio prazo non deben esquecer a atención ás necesidades máis inmediatas; e como expoñemos ao principio deste Voceiro, o máis urxente van ser as situacións de paro ou de falta de cobertura económica, por iso a CIG, como xa fixemos na crise do 2008 e dentro das nosas posibilidades, imos impulsar de novo o Servizo de Axuda Alimentar, para o que solicitaremos, no momento oportuno, o apoio económico voluntario de toda a nosa afiliación que poida colaborar desinteresadamente. 

Tamén, chegado este 1º de maio tan excepcional, e lembrando os efectos devastadores da crise do 2008, que soportou exclusivamente a clase traballadora e os pequenos autónomos, queremos deixar constancia da nosa disposición para que esta nova crise sexa soportada polo capital financeiro e as grandes empresas, vai sendo moita hora de que colaboren polo interese social. 

O 1º de maio pendura unha bandeira galega na túa xanela. Esta crise está enfrontándoa e sacando adiante a clase traballadora: Servizos médicos, alimentación, transporte, protección social, servizos públicos esenciais (electricidade, auga, gas, limpeza, …), etc. A nosa clase non debe pagar con precariedade o futuro. 

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios