VINTE CINCO ANOS DO ÚLTIMO ASCENSO DO AS PONTES A SEGUNDA B

Onte xoves cumpriuse un cuarto de século

311

Onte xoves cumpríronse vinte cinco anos do segundo e último ascenso do por entón Endesa de As Pontes á Segunda División B do fútbol español.

O equipo pontés viña de disputar seis temporadas na terceira categoría do fútbol estatal (1987-93), e na 1994-95 acabou primeiro clasificado da Terceira División galega (o outro título nesta categoría data da 1986-87, con ascenso directo). Con 56 puntos, daquela na que a vitoria valía dous, e aínda deixándose levar nas últimas xornadas, queda claramente por diante de Viveiro (51), Celta B (50), e Deportivo B (48). 

Aquela temporada do conxunto pontés fora moi boa, con 23 vitorias, 10 empates por tan so 5 derrotas, na casa, ante Celta B e Gran Peña, e fóra ante Deportivo B, Betanzos, e Bergantiños. Anotáronse 73 goles a favor por 28 en contra.

No Poboado gañouse 7-0 ó Viveiro, segundo clasificado, case nada, e tamén se gañou 3-0 ó Deportivo B, resultado que se repetiu co Somozas, 4-1 a Ponte Ourense, e 5-0 a Burela e Ordes. Fóra tamén se conseguiron triunfos de mérito, ante Celta B (0-1), ou a goleada ó Gran Peña (0-4). 

O conxunto azulón na fase de ascenso ó Leganés B, Lealtad de Villaviciosa, e Salmantino. A competición comeza de mala maneira coa derrota na casa ante o Leganés B (0-1), pero o equipo pontés refaise e consigue empatar no terreo do complicado equipo madrileño (1-1) e, sobre todo, vencer os outros catro partidos, ante o Lealtad, 1-3 e 3-0, e o Salmantino, 2-0 en As Pontes, e 1-3 en Salamanca un glorioso 25-06-1995 no que consegue o ascenso. 

O Leganés B goleou 8-1 ó Salmantino e 5-1 ó Lealtad, pero o empate a 0-0 en Castela León, o sobre todo, a sorprendente derrota en Asturias 3-0 na derradeira xornada na que o Lealtad non se xogaba nada fixeron que acabase un punto por detrás dos azuis. 

O adestrador do equipo pontés era o mítico Francisco Delgado Melo, lateral esquerdo, campión intercontinental co Atlético de Madrid, ademais de gañar tres ligas e dúas copas co equipo colchoeiro, que fora axudante de Irureta nos anos gloriosos do Deportivo da Coruña. De segundo estaba Rebolo. 

Na portería estaban Miguel e Suso, completando a parcela os canteiráns Criado e Reboredo. En defensa atopamos ó mítico Salido, que estivo 15 temporadas no club (1989-2004), Alberto, Franchi, Dani, Raúl, o gran Manolo García, e os prometedores canteiráns, Suso Paz e Fran Pena. 

No medio do campo estaba o pulmón Ramiro, Felipe, César, o famoso Jose Luis Lemos, e os xogadores da casa, o tristemente falecido Ángel Fontao, Carlos Mieres, e Diego Seijo. 

Arriba xogaban Michel, Luisito, Emilio, Chus, o canteirán Cendán, e o mítico Alfonso, ex de Castilla, Deportivo, Elche, Racing de Ferrol e a Cultural Leonesa natal. Despois o As Pontes permanecerá na Segunda B outras tres tempadas, de 1995 a 1998, completando nove campañas na división de bronce.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios