FELIZ CUMPREANOS CD AS PONTES

O equipo pontés cumpre hoxe 60 anos da súa federación

292

No día de hoxe, o noso querido clube faise maior, xa que cumpre 60 anos, pois foi un 28 de Setembro de 1960 cando o CD As Pontes ingresou na Federación Española de Fútbol para participar por primeira vez nunha competición oficial, concretamente na Serie A Rexional, hoxe Preferente Autonómica. 

O clube xa fora fundado no verán de 1933, pero durante máis dun cuarto de século apenas xogou diferentes partidos amistosos, ata que ao fin participou na súa primeira Liga, hai xa seis décadas. Pasou por diferentes nomes, como Calvo Sotelo, Endesa, Endesa de As Pontes, ata recuperar en 2002 o nome de CD As Pontes co que foi fundado.

Atrás queda máis de medio século de vida e preto de 3000 partidos disputados, con amargas derrotas pero tamén con moitos momentos felices. Os afeccionados, poucos, pero fieis, poden recordar con orgullo a fase de Ascenso a Segunda División (1992), as nove campañas en Segunda B (1987-93, 1995-98), os dous títulos de Terceira División (1986-87, 1994-95), ou os tres ascensos á actual Terceira galega, en 1984, 2010, e o último en 2019. 

Tamén quedan nas retinas a Copa de Galicia 1968, a Copa Deputación 1996, o trofeo Concepción Arenal 1992, o partido no Santiago Bernabéu (1990), as axustadas eliminatorias de Copa do Rei ante Celta de Vigo (1986 e 1995) e Deportivo da Coruña (1988), ou as dúas vitorias por 4-0 ante o Real Madrid Castilla, nunha categoría de bronce na que tamén se gañou a equipos como Getafe, Éibar, Leganés, Ponferradina, Numancia, Logroñés, Fuenlabrada, Leonesa, Lugo, Pontevedra ou Racing de Ferrol. 

Clube que tamén formou a centos e centos de cativos, tendo ademáis unha prolífica canteira, con case 80 títulos de categorías inferiores na comarca de Ferrolterra, o ascenso a División de Honra Xuvenil (2007, seis convocados polas Seleccións Españolas inferiores, dous Campións de Europa, David Rochela (Sub17 2007) e Malena Mieres (Sub19 2018), tres temporadas de Adrián López no Deportivo de Primeira, incluso as once campañas na máxima categoría de Evaristo Puentes Leira.  

Co emocionado recordo e agradecemento a todos aqueles xogadores, adestradores, presidentes, directivos e afeccionados que co seu traballo, sacrificio e entusiasmo puxeron o seu grao de area para que isto fose posible, hoxe dicimos FELICIDADES CD AS PONTES.     

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios