Nota de prensa BNG: O BNG DEMANDA UN ACORDO ESTADOXUNTA PARA COMPENSAR A AS PONTES POLA APLICACIÓN DOS PLANOS DO CARBÓN

Veñen de concederse máis de 110 millóns de euros para infraestruturas municipais do Plano 2013-2018, ningunha para Galiza

27

As Pontes, 9 de xaneiro de 2021.- O BNG vén de rexistrar no Congreso e no Parlamento iniciativas para que o goberno PSOE-Unidas Podemos no estado e o do PP na Xunta negocien, acorden e apliquen unha partida orzamentaria dos presupostos xerais do estado de 2021 coa finalidade de compensar o trato discriminatorio para con Galiza e as débedas derivadas da execución dos distintos Plans do Carbón dende o seu inicio até o actual.

Xa no primeiro Plano do Carbón 1998-2005 Galiza foi saqueada dos seus recursos minerais enerxéticos e dos seus dereitos económicos; o propio Ministerio recoñecía ao remate do Plan que o noso País deixara de percibir preto de 120 MЄ para infraestruturas que lle correspondían segundo os criterios estabelecidos polas disposicións; foi a única zona mineira do estado que non recibiu o que lle pertencía, cunha perda de case que un 70 %, namentres que outras incrementaron os seus ingresos (Andalucia, Aragón, Castela A Mancha, Catalunya).

No Plano 2006-2012 (Plan Miner II), segundo a documentación entregada pola Xunta en resposta a unha pregunta do Grupo Parlamentar do BNG, o estado asignara a Galiza 80,52 M€ até abril de 2012, dos que só se executara o 26 % (uns 21 M€ comprometidos); no caso das Pontes estaban pendentes 17 infraestruturas por un importe de 54 M€, dos que o estado só ten recoñecido, por escrito na resposta ao BNG no Congreso, uns 10 M€ en 7 convenios que “… aunque se inicio su tramitación non se pudo firmar”.

No seguinte plan 2013-2018 Galiza case que desaparece, figurando como beneficiarios, con “carácter excepcional”, os concellos de A Capela, As Somozas, Carballo, Carral, Cerceda, Culleredo, Laracha, Mañón, Monfero, Ordes, Ortigueira, San Sadurniño, Tordoia, Muras, Xermade, e As Pontes. Pois ben, o Miteco vén de facer pública a adxudicación polo Instituto de Transición Xusta de 110,7 M€ de axudas directas para infraestruturas municipais, correspondentes ao Plan do Carbón 2013-2018, para un total de 98 proxectos en municipios mineiros de Aragón, Castela A Mancha, Castela e León e Principado de Asturias, a iniciar algún deles en 2021, e que, segundo o Miteco, “… terán un efecto positivo na xeración de emprego local no curto prazo …”; a aportación financia o 75 % do custe, mentres que as comunidades autónomas aportan o 25 % restante, para completar un investimento total 147,5 M€.

A tipoloxía dos proxectos é variada, dende un centro de traballo e economía social vinculado a un centro de atención a persoas con discapacidade, unha ampliación dunha residencia de maiores, actualización dos polígonos industriais, ate un Centro Tecnolóxico da Castaña coa posta en marcha dunha empresa de capital público -con 50 empregos- destinada á transformación deste froito mediante procesos de secado, lavado e moenda, coa plantación de miles exemplares de novos castiñeiros nunha escombreira, …

Semella que para o estado as estimacións do catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña e ex-presidente da Xunta Fernando González Laxe, que cuantifica nunha perda de 2.000 empregos e de 50 M€ os efectos do peche da central térmica nas Pontes, non precisan de “… respuesta a problemas urgentes con poco margen para un trabajo de anticipación mediante los llamados Convenios de Transición Justa …” como indica o Plan de Acción Urxente para Comarcas do Carbón e Centrais en Peche 2019-2021, e tampouco de actuacións que teñan “… un efecto positivo en la generación de empleo local en el corto plazo …”

Queda claro que as comarcas mineiras galegas, excluídas xa por completo do actual Plano do Carbón 2019-2027, están desatendidas e ninguneadas polos dous gobernos, o do PSOE-Unidas Podemos do estado e o do PP da Xunta, incapaz e incompetente para esixir o pago da débeda, xa non de reclamala por outras vías distintas da política, como fixeron outros, con éxito por certo.

Asemblea Local do BNG das Pontes

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios