Nota de prensa do BNG: AS PONTES BAIXA DOS 10.000 HABITANTES

A 1 de xaneiro deste ano 2021, o padrón municipal contabilizaba 9.908
habitantes, baixando por primeira vez dende 1980, dos 10.000

446

As Pontes, 22 de marzo de 2021.- Ademais do que este dato significa en perda poboacional, a baixada dos 10.000 habitantes supón que o Concello das Pontes, progresivamente, vai perdendo os ingresos públicos provenientes do Estado ligados ao número de habitantes e, tamén, unha perda de concelleiros/as que, nas seguintes eleccións municipais, pasarán dos actuais 17 a 13.

A este negativo dato hai que engadir a baixada constante en afiliación á Seguridade Social, en calquera dos seus réximes: no ano 2020 a perda foi de 424 persoas.

Só son dous datos, poboación e afiliación á Seguridade Social, que nos trasladan a realidade do noso pobo, poderíamos engadir outros como o baixo valor patrimonial dos pisos ou casas, ou mesmo o número deles postos á venda, referencia visíbel con só dar un paseo polo pobo.

E o dato de perda de poboación oculta outro dato tamén moi importante, o progresivo envellecemento do noso pobo, motivo que fai aínda máis urxente a construción dunha Residencia Pública, obxectivo político que o goberno local nunca acomete en serio.

Igualmente, a perda de afiliación á Seguridade Social só se pode reverter co asentamento de novas empresas e, para iso, é imprescindíbel a creación de solo industrial e, neste campo, o goberno municipal non ten feito nada de nada nos 14 anos de maiorías absolutas.

Está claro que as políticas desenvoltas dende o ámbito local teñen que mudar substancialmente, non podemos seguir, como se nada pasara, acomodados na compracencia ao que nos ten acostumados o Alcalde nos seus discursos. E de cambiar na dirección precisa poderán contar coa implicación responsábel do BNG. É o momento de aproveitar as oportunidades e non deixalas pasar.

Asemblea Local do BNG das Pontes

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios