Nota de prensa do BNG: DOUS PROXECTOS DE HIDRÓXENO VERDE PARA AS PONTES?

Endesa e a Xunta anuncian dous plantas de hidróxenno verde nas Pontes

156

As Pontes, 29 de marzo de 2021.- Sorprende que, a finais de xaneiro deste ano, Endesa anunciara a posíbel construción dunha planta de hidróxeno verde nas Pontes e agora, dous meses despois, a Xunta, máis concretamente o Conselleiro de Economía, Emprego e Innovación, anuncia outra, tendo como referente a Reganosa.

Pero aínda sorprende máis os datos que, nos dous casos, se publican sobre estas instalacións:

• Endesa: 100 MW, 127 millóns de euros de investimento e 130 empregos directos.

• Xunta: 50 MW, 144 millóns de euros de investimento e 300 empregos directos.

Algo non casa, ou son cifras, nalgún dos casos, meramente especulativas.

En primeiro lugar, o goberno galego é o único que compite no seu territorio con outros proxectos, xa que noutras partes do Estado o que fai o goberno autonómico é procurar as sinerxias e asegurar aspectos fulcrais, como a demanda e o transporte, e garantir a súa execución aínda que non haxa fondos europeos, como no caso de Euskadi. O normal sería intentar unificar os dous proxectos nun só, pois lembremos que, agora mesmo, hai centos de plantas de hidróxeno verde anunciadas en todo o Estado español, e todas elas dependen das axudas de Next Generation da Unión Europea, o que vai supor unha enorme competitividade para que algún dos proxectos se materialice.

Por outra parte, nos dous casos, tanto no de Endesa como no da Xunta, os proxectos van ligados á concesión de megavatios eólicos, fonte enerxética básica para a electrólise necesaria para a obtención de hidróxeno, e a posibilidade deles é limitada pola capacidade de evacuación existente; é dicir, na actualidade é probábel que non existan liñas de evacuación para soportar os dous proxectos.

Esta competitividade podería explicar a singular posición da Xunta con respecto ao futuro da central térmica das Pontes; nun principio, por boca do Conselleiro e do propio Presidente da Xunta, mantivo que debería seguir queimando carbón, cando sabían que a tonelada de CO2 -está nos 40 eurosprovoca un prezo moi alto do megavatio, para despois, sen explicación algunha sobre o cambio de discurso, mantivo que a Central debería funcionar só con lodos (biocombustíbeis), e se en privado a Xunta mantiña o funcionamento dun só grupo, en público falaba dos catro, sen que a día de hoxe o teña concretado nin incluído nos seus proxectos “tractores” publicitados.

Semella que o realmente en xogo son os megavatios eólicos e a capacidade de evacuación que se libere da central -valórase nuns 200.000 euros cada MW-, nunha competencia por coller posición.

En calquera caso, a Xunta como Administración Pública, no momento que fai a súa proposta de hidróxeno verde para As Pontes, debería encaixala no proceso de Transición Xusta, é dicir, explicar como esta proposta pode servir para que nas Pontes non haxa perda de emprego nin de economía, ademais de comunicar que outros proxectos e actuacións compromete (por exemplo, solo industrial), con orzamentos e prazos de execución concretos, e que vai facer coas máis de 80 propostas que foron enviadas dende As Pontes. Nada diferente ao que están a facer, dende 2019, outros gobernos autónomos.

Asemblea Local do BNG das Pontes

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios