Nota de prensa do BNG: A NECESIDADE DUN ACORDO PARA O GASTO MUNICIPAL EXTRAORDINARIO

O Concello vén de aprobar o remanente de 2020 para gastos xerais no 2021 por máis de 8 millóns de euros.

185

As Pontes, 25 de abril de 2021.- Mediante unha resolución, o alcalde en funcións aprobou o 12 de marzo de 2021 a liquidación de 2020 que, despois de eliminar máis de 1,1 millóns de “cobros dudosos”, fixa en 8.210.687,36 euros a cantidade que o goberno municipal non foi quen de gastar en obras, servizos, equipamentos, dotacións, … que atenderan as necesidades das veciñas e veciños.

Non debería ser necesario lembrar que a situación das Pontes está a cambiar a marchas forzadas -e impostas-, con datos actuais de perda de poboación, de baixada da afiliación á Seguridade Social, …; e as previsións a curto e medio prazo, de non intervir xa a Xunta e o Ministerio de Transición Ecolóxica, non son moito mellores, segundo as conclusións do estudo do “Impacto Socioeconómico nas Pontes da Descarbonización Enerxética” elaborado
pola Universidade da Coruña para o Concello.

E non só a diagnose é coñecida, tamén as propostas de actuación están elaboradas, de xeito participativo e consensuado, e recollidas no “Plan Estratéxico 2021-2025”, elaboración que fora encomendada polo alcalde a un concelleiro do BNG.

O BNG demanda continuar co proceso de traballo participativo, colaborativo e consensuado, coa súa aplicación na determinación do gasto dos máis de 8 millóns, cantidade moi importante que supón aumentar as dispoñibilidades económicas municipais por enriba dos 20 millóns de euros, que non poden ser gastados tan só no ordinario, no de sempre. E nese camiño tamén estará o BNG.

Asemblea Local do BNG das Pontes

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios