Nota de prensa do BNG: SERVIZOS PÚBLICOS: O GOBERNO MUNICIPAL FAI ABANDONO DAS SÚAS RESPONSABILIDADES.

A Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) non presta o seu servizo despois de máis de 30 anos. Na área de Deportes estanse a perder, cando menos, 1.000 euros cada mes e un posto de traballo.

119

As Pontes, 31 de xullo do 2021.- O PSOE semella contaxiarse do abandono manifesto do resto das administracións, estatal e autonómica, que estamos a padecer nas Pontes, do que sobran evidencias: o peche da Central sen alternativas, os traslados fóra das Pontes do persoal de Endesa, os despedimentos nas Auxiliares, os enganos aos transportistas do carbón, a perda de especialidades no Centro de Saúde, a eliminación dun aula de Infantil no CEIP Santa María, …

O exemplo máis claro é a situación da OMIC, servizo municipal que viña prestando o Concello dende vai máis de 30 anos, dos máis demandados e valorados, tamén polos concellos veciños, pola defensa firme e constante que desempeñaba dos dereitos e intereses individuais, nomeadamente diante das grandes compañías eléctricas, bancarias, financeiras, de telefonía, …

Dende comezos do mes de xullo o servizo deixou de funcionar por non ter atendido o goberno municipal a xubilación da persoa responsábel; a OMIC máis próxima está en Ferrol.

Tamén é rechamante a situación noutro servizo municipal, o de Deportes, que vén gastando uns 2 millóns de euros ao ano -que inclúen a dedicación exclusiva do concelleiro delegado-, e que foi merecedor, xunto a outros 67 Concellos da Coruña, dunha subvención do ente provincial para “o mantemento ou contratación de persoal técnico nos servizos municipais de Deporte en 2021”; segundo as bases da convocatoria, “a duración temporal máxima do contrato subvencionado será de 12 meses …, con data límite de remate no 30 de abril de 2022”.

Pois ben, logo de 3 meses da resolución a praza está sen convocar, o contrato non será de 12 meses, e o Concello non poderá xustificar os 15.000 euros da subvención; todo un exemplo de boa xestión e de dedicación (exclusiva, claro).

Asemblea Local do BNG das Pontes

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios