I+D+i de almacenamento de enerxía: na Galiza non, en Estremadura si

Por Fernando Branco Parga, publicado en Nos Diario

113

No actual proceso de descarbonización da economía hai dúas cuestións que van ser estritamente necesarias: un incremento moi significativo na electrificación, tanto en usos domésticos como industriais e, polo tanto, máis xeración eléctrica en base a renovábeis.

Este segundo aspecto ten un talón de Aquiles, pois a maioría das fontes renovábeis son intermitentes, é dicir, dependen da existencia no momento oportuno do recurso (vento, luz, auga), por iso, nesta Transición Enerxética vai ser fundamental a investigación, desenvolvemento e innovación en tecnoloxías de almacenamento enerxético competitivas.

Por este motivo, o BNG, tanto no Congreso en Madrid como no Parlamento Galego, presentou emendas aos Orzamentos Estatais e Galego solicitando a creación dun Centro para a Competitividade e a I+D+i no Almacenamento de Enerxía nas Pontes; a xustificación do sitio proposto ten unha dupla xustificación: o proceso da mal denominada Transición Xusta, pois non ten nada de xusta, que afecta dun xeito evidente nas Pontes, e o diferente abano de tecnoloxías e a potencialidade de renovábeis que hai na contorna desta vila.

Esta proposta foi rexeitada tanto polo PSOE e Podemos en Madrid, como polo PP na Galiza, e iso que no Parlamento Galego debateuse até en seis ocasións.

Das respostas da Xunta do PP e do seu conselleiro do ramo, xa non sorprende nada, ao procurar ridiculizar a iniciativa do BNG en todos os debates no Parlamento; a realidade é que este conselleiro, e tamén Vicepresidente, pasará á historia como un “frontón”, non resolve nunca nada en ningún conflito pero sempre lle bota a culpa a outros; tanto ten que peche a única empresa de pas eólicas na Galiza no momento de maior invasión de eólicos, como que as electrointensivas podan pechar polo prezo da electricidade nun país que a exporta, como que non exista ningún tipo de Transición Xusta nin en Cerceda nin nas Pontes logo de anos de espoliación dos nosos recursos. Este conselleiro non está para gobernar, só para opinar do mal que o fan en Madrid; o dito, non é un conselleiro é só un opinador.

Mais agora resulta que en Estremadura, non afectada pola Transición Xusta, o goberno autonómico (si conselleiro, o goberno autonómico no exercicio da súa responsabilidade) vén de publicar no seu Diario Oficial, co apoio do goberno central (si o PSOE de Madrid coa súa arbitrariedade excluínte), a creación dun Centro Estatal de Investigación e Almacenamento Enerxético, que vai ser cofinanciado polo Estado con 70 millóns de euros (xa ten 34,5 millóns no orzamento deste ano) e polo goberno autonómico con 24 millóns, cunha contratación de persoal investigador por un total dunhas 100 prazas que xa ten iniciado, e que estará situado en Cáceres.

Este é só un exemplo da nosa realidade: a Galiza está para aportar o recurso e a produción, ben sexa de carbón, auga, vento, etc., mentres que para xerar valor engadido e coñecemento están outros; e nisto coincide tanto toda a esquerda estatal como a dereita.

Euskadi, Catalunya e agora Estremadura entenden que o estratéxico, de ser tal, debe executarse si ou si, sen esperar por posíbeis fondos europeos. E Galiza, conselleiro?

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios