Esta mostra fotográfica xurde do “1º Concurso Fotográfico de Feísmo nas Pontes”, convocado pola Asociación Choiva Ázeda, ca única pretensión de concienciar, ao poñer en evidencia os efectos (máis cas causas) dos distintos prototipos de feísmo máis demostrativos do Concello das Pontes, e desta forma contribuír a sensibilizar ao estado de opinión da cidadanía pontesa.
Esgótanse as explicacións ao falar do feísmo, un fenómeno que transformou a paisaxe de Galicia nas derradeiras décadas e que, curiosamente, desaparece ao atravesar as fronteiras que delimitan a nosa comunidade autónoma. Nós entendemos, en poucas palabras, o "feísmo arquitectónico, urbanístico ou paisaxístico" como todas aquelas construccións ou obras humanas que degradan dalgún modo o seu entorno, desentoando por unha ou outra causa co entorno, e constituíndo un elemento desagradable para a vista. Polo tanto “FEO” é a expresión que mellor exemplifica case tódolos males que aqueixan ao urbanismo pontés e galego.
As imaxes expostas nesta exposición, representan unha selección das 200 fotografías presentadas ao concurso polos participantes, permitíndonos captar a atención do perceptor do fenómeno do feísmo local dende 23 perspectivas distintas e complementarias.
Queremos agradecer aos membros do xurado encargado de face-la selección das fotografías, pola complexa labor de premia-las instantáneas que mellor reflexaron os desmanes urbanísticos, e no que primaron en gran medida, o abandono do casco histórico local, os permisos de novas edificacións e reformas, así como a falla de respecto urbanístico global, desgraciadamente en moitos dos nosos barrios. O xurado estivo composto por representantes dalgúns dos colectivos máis dinámicos do tecido asociativo local: Asociación Informática Amigus, Asociación de Estudos Históricos Hume, Plataforma Cidadán pola Defensa do Patrimonio Arqueolóxico das Pontes e Irmanamento As Pontes-Lesneven-Carmarthen, así como por unha arquitecta das Pontes que actualmente desenvolve o seu labor en Londres.
E por suposto, gracias e parabéns a todos os 23 participantes: Ana Belén Ardao Bouza (1º premio: 300 euros), Carolina Leal Sueiras (accésit: 100 euros), David Cabarcos Vizoso (accésit: 100 euros), Hugo Arias, Mª Luísa Gabín Naveiras, Javier Gil Vieco, Fernando Vérez Tojeiro, Miki, Armando Maseda López, Jose A. Blanco, Lúa Rivera Cendán, Marta Bellas Rozas, Serpa, Celia, Natalia Corral Franco, Paser, David Tembrás Alonso “Beabis”, Carolina Díguele Parras, Sonia Corral, Jose Mª López, Bico, Edgar e Alex Blanco. E unha mención especial a todos os que nos axudaron no montaxe da exposición: o persoal do Departamento de Cultura do Concello, a xente do Bar Super 8, e como non, a Carol e a Arantxa.