Músico homenaxeado
Nesta edición da Semana de Sta. Icía, o conxunto de asociacións participantes decidiu por unanimidade homenaxear ó músico pontés D. Antonio Ferreiro Cabarcos "Antolín".

Antonio Ferreiro é un dos músicos máis importantes que deu a vila das Pontes. Naceu no ano 1927 no barrio do Campo da Feira e ós tres meses marchou a vivir ó lugar do Bidueiro. Ó longo da súa vida formou parte de diferentes formacións e tocou en moitos países sempre con gran éxito.

A súa afección pola música comezou a unha idade moi temperá, aprendendo as primeiras notas musicais de Xosé Freire Rodeiro. Con estas nocións e tras ver unha actuación da 'Banda de Cabreiros', Antonio comezou a sentir inclinación por un instrumento en particular: a trompeta.

Pouco tempo despois Eulogio Carballeira iniciouno no requinto, ampliando os seus estudos da man do cura de Ribadeo para, máis adiante, comezar xunto a Rodrigo López a tocar o clarinete, o saxofón e a guitarra, instrumento este último que estudiou máis amplamente ó longo da súa vida, aínda que foi o saxofón o instrumento que lle fixo colleitar éxitos por medio mundo.

A súa primeira actuación foi ós 12 anos coa 'Banda de Puentes', unha banda de rapaces fundada por Rodrigo López, de alí pasou a formar parte da 'Orquesta Puentes', para fundar, posteriormente a 'Orquesta Hispania' á que deixou temporalmente para cumprir a súa obriga co servicio militar e que, unha vez rematado este, volveu a retomar.

En 1949 marchou a Vigo, onde adquiriu unha experiencia musical que marcou o seu destino formando parte de grupos coma a 'Orquesta Bahía', 'Radio', 'Pintos' e 'Hispania'. Nesta cidade casou con Amelia Vázquez e de seguido voltou a Coruña, onde pasou a formar parte da 'Orquesta Estrella'.

O seu ánimo de superación, a súa capacidade de aprendizaxe e a súa curiosidade fixeron que, tra-lo seu paso en 1954 polas orquestras 'Mallo' e 'Oriente', fundara a orquestra 'Los Diamantes', na que permaneceu dous anos.

No ano 1955 formou parte da orquestra 'Los Satélites' na que permaneceu oito anos e coincideu con Pucho Boedo. Con esta formación e inaugurando o Liceo das Pontes, viviu unha situación que o levou a profundizar na música clásica e na historia da Música.

En 1963 formando parte da 'Orquesta Os Celtas', asentouse en AlemaƱa onde permaneceu durante 28 anos actuando en diversos eventos e países, sendo en Turquía onde se realizou a primeira grabación da banda.

Ó seu regreso á cidade herculina propuxéronlle voltar á orquestra 'Os Mallos', refusou esa oferta, pois como dicía un dos grandes maestros, ó que admira: O arte de dirixir consiste en saber cando hai que abandonar a batuta para non molestar á orquestra. (Herbert von Karajan).

Hoxe en día o seu legado musical segue presente na súa familia da man do seu fillo Xavier Ferreiro, músico recoñecido, productor musical e actual membro do grupo de música folk 'Luar na Lubre' e por parte do seu fillo Xoán Antonio a través dos seus fillos Verónica e Diego Ferreiro, cantante de jazz e cantautor respectivamente.

Actualmente Antonio Ferreiro vive na parroquia de Dorneda (Oleiros) e segue moi de preto a música actual, lembrando a actividade que foi a súa paixón e que se convertiu na súa profesión: a Música.
















Actos organizados polas Asociacións participantes
Patrocinados polo Concello das Pontes, ENDESA e as Asociacións participantes
Colabora o Concello das Pontes, Espectáculos Soto, Autobuses Gabeiras, a Asociación Informática Amigus, e a Asociación de Estudos Históricos Hume
1980 visitas