«Estaba moi a gusto no traballo, pero véñome moi contenta para a casa»

Adicou os últimos trinta anos da súa carreira profesional ao centro educativo pontés por onde pasaron decenas de xeracións de mozos da localidade

Desde hoxe engrosa esa, cada vez máis envexada, lista de traballadores xubilados. Faino tras unha vida adicada ás tarefas administrativas de diversas institucións. Nestes últimos anos- casi 30 para ser exactos- centrada nesas funcións no IES Moncho Valcarce de As Pontes, municipio ao que chegou polo traballo do seu marido. Para celebralo, fai unhas semanas, Carmen Vizoso (Viveiro, 1951) recibiu unha calorosa despedida, en forma de xantar, da man dos seus compañeiros, os presentes e os pasados. Hoxe, cando celebra as súas 65 primaveiras, comeza a mirar o novo horizonte con ilusión, entre outras cousas, «porque poderei desfrutar aínda máis da miña neta».

-¿Como afonta esta nova etapa?

-Teño que recoñecer que estaba moi a gusto no meu traballo, pero tamén que me veño moi contenta para a casa. Creo que me vou adaptar perfectamente, tampouco son das que pensan xa en poñerse a viaxar e cousas así. Segundo como vaían vindo as cousas irán xurdindo os plans.

-O pasado 4 de marzo sorprendéronlle cunha comida homenaxe para despedila, ¿como o viviu?

-Foi moi bonito, moi emocionante. Veu moita xente que non agardaba, así que con moita sorpresa. Os compañeiros que teño agora preocupáronse moito para que tivera un acto precioso. Entre outras cousas regaláronme un libro onde aparecen diferentes imaxes. Por exemplo, eu de pequena, unha do meu pobo-Viveiro-, do lago de As Pontes e outra da miña neta. É difícil nomear só a algúns dos presentes, pero recoñezo que me levei una alegría especial ao ver a Mari Maseda, unha mestra que se foi de aquí fai moito tempo.

-Para vostede foi, por enriba de todo, un encontro de vellos amigos.

-Efectivamente, porque teño moi boa relación con moitos. É o caso da primeira directora que tivo o centro, Pepa Cerviño. Nestes anos puideron pasar uns 700 profesores aínda que, no meu departamento, estiven traballando de forma máis próxima con Xosé Pernas, que estivo conmigo, man a man, 16 anos. Tras el chegou Manuel Cendán, que por agora queda só.

-A súa experiencia é o mellor termómetro para valorar en que medida cambiaron as cousas no ámbeto educativo nestes anos.

-Cambiaron moito, pero supoño que porque mudou a sociedade. Ademais agora veñen aos 12 e antes aos 14. Velos chegar e dis: «Miña nai, co novos que son e xa están aquí». Pero é o que hai. Na miña época comezábamos aos 10. O que si me resulta curioso é que agora van ao instituto fillos dos que foron os primeiros alumnos. Ao traballar nun centro educativo coñezo a moitos mozos ponteses, son moitas xeracións as que pasaron por aquí. En canto aos número si mudaron moito as cousas. Neste curso hai 290 alumnos. No 99/2000, por exemplo, eran casi 800. Algún ano había seis aulas de cada curso.

-¿Que recordos destaca entre os moitos momentos vividos?

-Sempre procurei gozar no meu centro de traballo. Cando eramos máis novos saliamos o xoves de comadres, eramos os primeiros en ir disfrazados polo pobo. Témolo pasado moi ben indo de merendola ao Caneiro, de ceas… Ademais, eran especiais as ceas de COU. Os alumnos estaban como locos. Eu fun durante moitos anos, hasta que foi a do meu fillo. Quíxenlle dar total liberdae e, curiosamente, non volvín.

¿Unha lembranza que non esquecerá? «Ademais dos bos compañeiros que me acompañaron durante todos estes anos, quédome con que tiven a fortuna de coñecer á persoa que dá nome ao centro no que traballei nestas últimas décadas. Síntome unha privilexiada por coincidir con Moncho Valcarce».

Fonte La Voz de Galicia

También podría gustarte
Comentarios