Aínda probablemente sen coñecelo, seguramente moitos de vostedes o teñen visto correteando pola nosa vila. Esteban Díaz Pérez (As Pontes 1981), este peculiar correcamiños, múltiples veces Campión Galego, Subcampión de España, é todo un exemplo a seguir, e tivemos o luxo de entrevistalo para a Revista das Festas deste 2025.
Ola Esteban, ¿que tal? Todo un luxo poder falar contigo. ¿Que deportes facías de pequeno?
Igualmente Xose. Pois de pequeno tanto no colexio como fora del dáballe ao fútbol, xoguei no Endesa, en Alevín, Infantil, Cadetes, e ahí xa o deixei, e logo xoguei na Liga Local de fútbol sala co Instituto e tamén con Escayolas Julio. Logo xa máis maior volvín ao fútbol campo, co equipo de A Capela, convencéronme uns amigos, botei tres temporadas, chegamos a xogar a final da Copa de Ferrol contra a Cultural Maniños, na Gándara. Eu xogaba pouquiño, as segundas partes, pero adestraba e estaba cos amigos.
E xa pasados uns anos, ¿porque che deu por facer tanto deporte e adicarlle tantas horas?
Vendo a proba da Northwest Triman en 2015, animoume a muller e díxome que me vía capacitado para facer ese tipo de probas, tan duras, pero eu non tiña bicicleta, “terei que mercar bicicleta”, non teño neopreno, “terei que comprar neopreno”, non teño zapatillas, “terei que mercar zapatillas” (risas). Foi dicirmo o domingo, e o luns xa comecei a adestrar, busquei un plan de principiante de Ironman, volume de natación, volume de carreira e volume de bicicleta, que non tiña aínda e adestraba na do ximnasio.
E adestrei todo un ano para que en 2016 puidera debutar. Completei a Northwest Triman de 2016, e en 2017 fixen a media distancia, pero facía moito frío aquel día e deume unha hipotermia, e á altura de Roupar, temblabame a bici pero era eu o que estaba temblando de frío, e retireime, a saúde é o primeiro. No 2018 volvín á Northwest Triman, merquei unha bicicleta de contrarreloxo, porque quería baixar as 11 horas e 17 minutos que fixera no primeiro de 2016, e xa ía a ser o meu último intento porque xa nacera a nena e tiña menos tempo, quería baixar das 10 horas, e quedeime por pouco, en 10 horas e 10 minutos.
E da Northwest Triman pasas á Maratón e ao Atletismo.
O normal en Atletismo é que se empece como os nenos pequenos, é dicir, distancias curtas, ou nos 800, 1.500, 5.000, pero eu xa me metín directamente nas Maratóns, teño 12 feitas, a última en Berlín o ano pasado. Ía moito á da Coruña, pero quitárona, fun a Oporto, Lisboa, Valencia tres veces, e a miña mellor marca foi en Sevilla, 2:32. En Berlín fixen 2:38, que está moi ben, pero coincidiume un pouco no verán e non o preparei tanto.
Tamén me metín no Atletismo Narón, porque coñezo uns amigos, de categoría Máster, e facíalles ilusión que competira con eles, e empezo a correr, campo a través, pista cuberta, aire libre, e vexo que xa comezo a gañar algunha medalla, e vexo que con tan pouco recorrido feito estou ahí cos mellores, entón aparquei a bicicleta e a natación, nado de vez en cando, monto en bici de vez en cando, pero xa me metín a fondo no Atletismo.
¿Como te coidas para estar tan esbelto? ¿Que comes? ¿Canto durmes?
Durmir durmo ben, 7-8 horas, mínimo 6 horas, ben. Entreno moito, si teño 40 minutos, pois 40 minutos, pero si ten que ser un entreno de calidade fago 10 series de 400, 10 series de 500, ou o que me implique a proba que vaia a facer nese momento. Agora estou moi enfocado no Campionato de España de 3.000 obstáculos, o ano pasado quedei segundo, o ano anterior terceiro. Entreno moito, que en 10 días compito en La Nucía (Alicante).
Na comida todo o mundo me ve fibroso e con pouca graxa, e cóidome, si, pero non é para tanto, non miro as calorías nin peso a comida, como de todo, teño boa constitución e non me privo de nada, pola semana suelo beber moita auga, e o meu premio cando acabo unha carreira é unha cervexa (risas).
Moi ben. Do que se poida saber, ¿como son as 24 horas dun día de Esteban Díaz? ¿como compaxinas tantas cousas?
É fácil, con moita axuda familiar, porque a muller traballa aquí ao lado, a nena vai aquí cerca ao colexio da Magdalena, e eu traballo de socorrista e monitor na Piscina Municipal, o horario que teño é moi bo, podo entrar as 07:00 ou as 09:00 da mañá, por exemplo hoxe mércores, si entro as 07:00, acabo as 12:00, e xa entreno, porque a comida está para as 13:30 ou 14:00, pola tarde volvo a traballar as 17:00, ata as 21:00.
Martes e xoves que polas tardes dou clases de Atletismo aos cativos, pola mañá na miña media hora de descanso xa me poño a correr na cinta, ou dou voltas ao redor da piscina, e pola tarde volvo a facer outro adestramento, logo entreno cos cativos como che digo, e volvo a facer outro entreno eu solo ou co meu grupo de adestramento, ahí fago unha doblaxe, que me axuda á recuperación, meto máis kilometraxe e aumento máis a carga. Ao final da tempo a todo.
Como dis, tamén entrenas a cativos, ¿que che gusta inculcarlles?
Gústame moito ver vídeos estilo Toni Nadal, polo tema da mentalidade. Ensínolles a correr, porque moitos queren correr, non sei si é porque me ven a min, pero a maioría quere correr, non facer outras disciplinas do Atletismo.
E o noso adestramento de maiores llo fago aos cativos, con menos carga por suposto, pero sobre todo hai que saber que nenos tes, aos que compiten exíxolles máis que aos que non van a competir, pero si lles pido a todos que se involucren, porque este deporte é moito de cabeza, axúdache no día a día, podes levar mellor os estudios, estar máis contento na casa e cos amigos…incúlcolles que o disfruten, pero que pelexen por algo, pois non nos van a regalar nada, tanto no deporte, como nos estudios.
¿Que me podes dicir de Manuel Campello e Mireia Díaz?
Manuel Campello é un rapaz con moito potencial, no meu primeiro ano no Olympo díxome que quería correr e facer velocidade, e fixemos 100 metros e 110 vallas, fomos a algúns controis, e non quixo volver, pois os saltos requiren moita técnica.
Vese que é competitivo, pero vimos que a velocidade non era a súa mellor proba, pero si o medio fondo, 800 e 1.500, e traballamos moito, ahí víase que podíamos rascar algo, porque isto é deporte, pero todos competimos por algo, buscamos disfrutar pero tamén rendemento, e foi bronce e plata galega Sub18, e chegamos a ir a dous Campionatos de España tanto ao aire libre como en pista cuberta, en 1.500. Cada vez está máis difícil, e non chega co que fixeches o ano anterior senón que hai que facer máis, e este ano ao aire libre tentaremos a mínima para o Campionato de España.
Mireia Díaz, é miña filla, veme correr a min, e pode influír, pero é ela a que pide e quere competir, e entrena o mesmo que os demais, martes e xoves pola tarde, unha hora, pero ten algo especial, o ano pasado fíxoo moi ben, pero este ano moito mellor, e pensando no seguinte ano eu como adestrador xa non me conformo co que fixo nesta temporada, que foi segundo posto galego de campo a través, e doble Campiona Galega de 1.000 metros tanto ao aire libre como en pista cuberta.
Acaba de facer 3.31 en 1.000 metros nun Campionato Galego, deixando a seis segundos á segunda e a sete á terceira, ten pinta que o ano que ven pode competir coas Sub12, aínda que ela sería de primeiro ano, que incluso é máis pequena, porque cumpre 9 anos en Decembro, e vexo que vai a estar arriba, e que quedando seis meses deste ano de Sub10 estamos a tres segundos do record galego de sempre, de Sabela Castelo, 3:28, recente Campiona de España Sub18. E teño esa corazonada de que Mireia en calquer momento nestes seis meses pode bater ese record. Pero o máis importante é que é moi boa e responsable.
Resúmeme brevemente o teu palmarés
Pois a grandes rasgos, Campión Galego de Maratón en Coruña, de 10.000 en pista, de 10.000 en ruta, de 5.000 en ruta en As Pontes, de 3.000 en pista cuberta, de 3.000 obstáculos levo tres anos sendo Campión Galego. E a nivel de España subcampión e terceiro en 3.000 obstáculos.
Case nada, ¿que virtudes tes como competidor e si se pode dicir algún defecto?
O meu forte é a mentalidade. Dáseme ben que cando non hai moito ritmo, ou polo contrario a carreira é moi dura, eu non baixo o nivel. Defectos non me vexo, pero gustaríame haber empezado desde cativo, como a miña filla, si eu xa correra dende neno, tería unha velocidade e unha chispa diferente, pero tamén igual xa estaría queimado, ¿quen sabe? (risas).
Dime un ídolo local, galego, español, e estranxeiro, de fai anos e dos que hai agora.
Barcelona 1992, Fermín Cacho, 1.500, proba espectacular, vaia final, eses últimos 100 metros, e internacionalmente Hicham El Guerrouj, o record mundial de 1.500, anda Ingebrigtsen, Kerr, Nuguse…intentando batelo, e co tempo se conseguirá, polos avances das zapatillas, pero o marroquí fixo 3.26:00 sen todos os progresos que hai agora.
Tamén recordo cando as Olimpiadas escolares, que fixera o 1.500 contra Congui e Pacheco, vaia dous, e sendo novo me houbera gustado que me adestrara Francho, como adestrou a estes dous e a Crisanto, porque era un crack, non o vin correr, pero en 5.000 corría por debaixo de 15 minutos, que xa era bastante. Dos que hai agora sigo a todos, Ben, Ingebrigtsen, Duplantis, Warholm, Bol, Toimil, Peleteiro…E hoxe en día coas redes sociais os atletas nos axudamos a entrenar e a compartir experiencias uns aos outros.
Dime un atleta co que competiras, que se lle vía que era un fenómeno, ou un ao que nunca lle gañaras.
Eu corrín tres carreiras con Adrián Ben, con Chema Martínez na San Xosé, en Berlín a Maratón correna moitos fenómenos, e coincidín con moitos bos atletas a nivel galego e español en varias carreiras ou Campionatos de España. Pero cando empecei a correr, aos 35 anos nunca daba gañado a Amador Pena, de Santiago, sempre me gañaba, moitas veces ía por diante, eu tirando, e nos últimos metros sempre me superaba, ata que cumprín os 40 e agora sempre quedo por diante del e Campión Galego na nosa categoría.
¿Cal e é a carreira que máis che gustou gañar ou na que acabaches máis satisfeito?
Por un lado, ser medalla nun Campionato de España, viña dun bronce e gañar a plata, pois notase. A de máis ilusión a maratón, Sevilla, Febreiro de 2023, adestrar todo o duro inverno, chegar a Sevilla e facer 2:32, fíxome moita ilusión. Eu cando empecei en 2015 o que quería era ser o mellor corredor de As Pontes, que estaba Minecho, Lorenzo, Chufi, Sito, César, Vilaboy…había moitos que facían populares. Sempre dicía que quería ser o mellor corredor aquí en casa. Sigo coa pena de poder gañar unha San Xosé, este ano fun segundo, veu Jorge Puig e fastidioume (risas), tamén tiña ganas de gañar unha San Silvestre e conseguín tres.
Independentemente do resultado, ¿unha proba que che gustara moito, polo circuíto, paisaxe, público, etc…?
O circuíto Coruña Corre, de varias carreiras por Oza, Ventorrillo, Rosales, a Torre de Hércules, ganeino, e tamén o circuíto da Costa da Morte, que está moi ben organizado, pena que queda moi lonxe, a dúas horas. Quédome cos circuítos máis que coas carreiras. A día de hoxe os 10.000 Peregrinos é unha carreira que está de moda, organizada pola Deputación da Coruña dende fai tres anos e na que xa viñeron Adrián Ben, Águeda Marques, Alice Finot, Daniel Arce ou Tariku Novales. Tamén a San Xosé de 2019 na que se fixo o Campionato Galego de 5.000 en Ruta.
¿Cales son as carreiras que máis duras se che fixeron?
Onde peor o pasas é nunha maratón, sobre todo cando buscas marca, e as carreiras de montaña. Na miña época na Selección Galega de montaña, eran carreiras de máis de 30 kilómetros, desniveis de máis de 2.000 metros. En Miranda del Ebro, eran 34 ou 35 kilómetros, e xa no kilómetro 30 estaba morto, e aínda había que “baixar” á meta. A Camovi, en Viveiro, unha maratón, quedaban dous kilómetros costa abaixo e non sabía como chegaría á praza tan mal como ía.
¿Como é Esteban cando aparca o atletismo? ¿Que outros gustos e afeccións tes?
Son moi normal, gústame todo tipo de deportes, son moito de estar coa familia, as fins de semanas viaxamos, tanto corro eu como a miña filla, disfrutamos moito en familia, de ir ás carreiras con Mireia ou vir elas a verme aos Campionatos. Miña filla tamén fai baile, e ímola ver. Tamén imos de paseo ou ao cine. En xeral non somos moito de estar na casa.
Pois moitas gracias Esteban, e que teñas unhas boas festas.
Igualmente Xose. Grazas a ti.