O futbolista pontés Alex Cabarcos Souto, e o seu equipo, a UD Ourense, conseguiron este pasado domingo no Campo de A Grela, o ascenso á Segunda RFEF, tralo empate ante o locatario Silva, 1-1, equipo no que curiosamente xoga outro pontés do mesmo nome, Alex Montero Peteira.
O equipo ourensano é líder con 68 puntos, seguido do segundo clasificado Estradense con 57 (terceiro é o Vilalbés de Cañizares con 56), polo que ao restar tres xornadas para o remate da competición xa é o campión matemático, e ascendido.
Precisamente ante o Estradense na pasada xornada anotou gol o bravo lateral esquerdo pontés, que disputou 29 dos 31 partidos que leva o cadro vermello na categoría, 27 deles de titular, acumulando 2406 minutos.
O equipo dirixido polo ex madridista e ex deportivista Borja Fernández, consigue o seu sexto ascenso en once anos, e faino con unhas magníficas cifras de 19 vitorias, por 11 empates, e tan so unha derrota, curiosamente na xornada 4, no García Irmáns, campo do mítico Betanzos, actualmente colista.
Este é o segundo ascenso consecutivo de Alex Cabarcos á Segunda RFEF, pois o ano pasado xa o conseguiu co Bergantiños, e en circunstancias e rexistros moi parecidos.
Nova cortesía XF. Foto cortesía UD Ourense.