O clube Fragas do Eume organiza un particular triatlón
Diario de Ferrol. O clube deportivo Fragas do Eume propón para os afeccionados ó deporte unha xornada que combina o esforzo físico co goce da natureza. Trátase dunha visita guiada ás Fragas, con dous niveis de dificultade, que combina o sendeirismo, o kaiak e a bicicleta. A iniciativa conta co apoio do Concello de Monfero.
O primeiro percorrido, de nivel medio, comeza, ás 9.45 horas, no camiño dos Franceses, na zona da Penafesa e baixa preto dos ríos Arreigada e da Cortella. Logo de repoñer forzas cun aperitivo fanse, ás 13.30 horas, dúas horas en kaiak polo encoro do Eume e despois hai unha subida en bici dunha hora. Vólvese comer preto das cinco da tarde e sáese de San Bartolomé en bicicleta en dirección de novo a Penafesa. A chegada está prevista para as seis.
A outra ruta, de nivel medio-baixo, comeza ás dez xa coa bicicleta (en terreo chan e baixadas). O kaiak cóllese ás 11.15 e practícase durante unha hora e media. Logo de repoñer forzas faise o camiño a pé polas fragas ata chegar, logo de facer unha parada para comer, ó punto de partida, no camiño dos Franceses.
As persoas interesadas en participar poden recabar máis información no teléfono 671 497 147. A cota de inscrición é de quince euros e aboarase antes da saída. Os excursionistas teñen que aportar a bicicleta de montaña, o casco e unha mochila con comida e bebida (a organización recomenda calcular ben para non ir sobrecargados). O clube deportivo Fragas do Eume pon os kaiak e os traslados precisos e tamén dous guías, un para cada grupo. Hai vinte prazas en cada un deles como máximo.