ROUPAR HOMENAXEOU ÁS SÚAS MESTRAS
A veciña parroquia de Roupar homenaxeou este domingo ás mestras que tivo o seu grupo escolar dende 1921 ata 1974, ano en que esta escola deixou de existir, sendo hoxe en día o centro socio-cultural da parroquia. O edificio foi construído en 1921 pola Sociedad Hijos de Roupar na emigración, como sucedeu en moitos lugares de Galicia a principios do século XX.
Alí déronse cita preto de douscentos roupareses, algúns vidos dende Gijón, A Coruña, Lugo, Vigo e doutras localidades. Antes da homenaxe asistiron a unha misa na igrexa da parroquia.
Logo dirixíronse ata antiga escola para comezar o acto da homenaxe cunhas palabras pronunciadas pola ex-presidenta da asociación veciñal, Mª Carmen Pardo Hermida, quen dixo Roupar é unha aldea hospitalaria, solidaria e penso que moi cosmopolita na que os veciños son moi unidos. Fixo unha breve descrición de tódalas mestras que pasaron por esta emblemática escola, Dª Xustina Bermúdez Peñamaría, da Fonsagrada; a soriana Dª Xulia Harranz Ruiz, Dª Conchita Costas, Dª Concha de Castro Blanco, de Muras, que estivo tamén de mestra en Lousada e que faleceu hai máis de corenta anos, e a rouparesa Dª Remedios Pernas Blanco.
Asistiron en persoa Dª Arxira Durán Penabad, nacida en Muras e actualmente residente en Viveiro e que estivo un ano en Roupar, e Dª Mª Teresa Iglesias Carreira, natural de Rábade e hoxe con residencia en Lugo, moi emocionadas e sorprendidas as dúas por esta homenaxe que lles renderon os veciños de Roupar, pois é a primeira vez que reciben o recoñecemento popular polo seu traballo.
Ó son da melodía Amigos para siempre, que a señora Pardo Hermida cambiou polo de Unidos para siempre, en referencia á unión de tódolos roupareses, Carmen Valero Harranz filla de Xulia Harranz Ruiz- descubriu unha placa na que se lembra a tódalas mestras. Placa que está ó lado doutra que recorda ó homenaxeado o pasado ano, D. Benito López García, mestre dos mozos dende 1921 a 1974, e que está asinada polos Pamulos, como así chamaba ós seus alumnos.
Despois deste sinxelo, pero emotivo, acto de recoñecemento público, que se ampliaba a tódalas mulleres de Roupar, esas mulleres ás que lles tocou vivir uns tempos difíciles, pero que con ilusión, con esforzo e a base dun enorme sacrificio saíron adiante, Os asistentes xuntáronse nun xantar de confraternidade con música e baile ó remate amenizada polo Dúo Suso.
A PARROQUIA DE ROUPAR
Cunha superficie duns 25 km2 e 361 habitantes, Roupar é unha das dez parroquias que conforman o concello de Xermade. Linda coas de Lousada, Cabreiros e as pontesas do Aparral e San María das Pontes, e comprende trinta aldeas e lugares, sendo os máis habitados os da Casanova (92 habitantes), A Pena Vaqueira (37), A Criba (35), O Reboredo (28), A Torre (17), A Ermida (15), Aveás (14), O Aguillón (12), A Paidavella (12) e Calousada (10).
Ten unha altitude media duns trescentos metros, aínda que hai cumes que superan os seiscentos, como O Castrillón (667) e O Pico (642). Está bañada polos regos do Campo, Torre e Porto da Vila.
Ó igual cas dos arredores, é unha parroquia rica en xacementos arqueolóxicos, como os castros de Castrillón, con restos de parapetos de pedra, o de Sucastro cun gran foso no que apareceron anacos de ladrillos e de cerámica para usos domésticos, e o máis importante, o das Medoñas da Graña, no que se atoparon muíños de man, construcións rectangulares, restos de cerámica, ósos de animais e carbón.
Durante a Idade Media o couto de Roupar, xunto co de Lousada, estivo sempre en disputa entre o señorío feudal e o eclesiástico. Fernando III confirmou en 1232 ó mosteiro de Meira este couto, que xa fora doado polo seu pai Alfonso IX. En pugna co dominio dos Andrade, foron os cistercienses quen se fixeron coas rendas disputándollas ós mosteiros de Meira e de Monfero.
A igrexa parroquial sufriu sucesivas reformas (a última en 1993 sendo párroco o lembrado e querido D. Enrique Rivera Rouco, o Cura dos Chaos), destacando o retablo principal de tipo salomónico, con cinco fornelos no corpo principal e un no ático. Cerca da aldea de Buscalte está a capela de San Miguel, de planta rectangular cunha talla do arcanxo que data do século XVIII. No lugar do Campo está a capela da Nosa Señora do Carme do Campo e na aldea da Ermida a capela de Santo Estevo, de construción sinxela e planta rectangular. Hai importantes cruceiros nos lugares do Campo, A Criba e Porto da Vila.
Roupar, 4 de Xullo de 2010 (AF)
Nova cortesía de A.F.