A falta de dúas semanas para a disputa da Carreira de San Xosé 2012 hoxe en Amigus temos o luxo de entrevistar á gran Paula Mayobre González (Ares 1989), unha das deportistas máis prometedoras do atletismo galego e estatal. Campiona de España cadete, xuvenil, junior e promesa, tanto en campo a través, como en pista cuberta e ó aire libre, medalla de bronce no Mundial Xuvenil de Cross en Lyon 2004 coa selección española e 14º clasificada individual, cuarta plaza coa selección española e 26ª individual no Europeo Sub23 de Albufeira 2010, 8ª individual nas Olimpiadas da Xuventude Lignano 2005. Actual campiona de España dos 10000 metros, mantendo aínda o record español xuvenil de 3000 metros e o galego cadete e xuvenil da mesma distancia.
Hoxe en día Paula milita nas filas do Bikila Atletismo, sendo o primeiro ano que este equipo conta cun equipo femenino.
Falamos con esta prometedora atleta nacida na terra do gran futbolista Marcelino, sobre a Carreira de San Xosé, que gañou en 2011, e máis temas deportivos.
Hola Paula, moitas gracias por concedernos estes minutos, participaches varias veces na Carreira de San Xosé, ¿Qué opinas da proba?
Hola, de nada, pois teño duas visións da carreira, unha de cando era moi pequena, na que se corría só o circuito pequeno e facíase bastante doado, e a do ano pasado cando xa corrín a carreira absoluta e polo tanto o circuito grande, que xa é outra cousa, moi dura pero moi bonita a vez.
A famosa Costa da Cubeliña, ¿como a ves e como a sufres? ¿Considérala un atractivo especial en esta proba que lle da personalidade ou crees que é un limitante para moitos atletas?
Cada carreira ten o seu atractivo, e eu creo que esta carreira sen esa subida non sería o mesmo, perdería a súa esencia. Encántanme as carreiras duras, nas que aínda que vaias lento vas a sufrir só polo percorrido e esta é unha delas. Non considero que poida ser un limitante para ninguén xa que sexa máis rápida ou máis lenta sempre se pode subir, o límite pono cada persoa.
¿Qué opinión tes da actual localización da carreira no Parque da Fraga?
Paréceme máis atractiva que antes, xa que as voltas que se fan por dentro da Fraga son máis vistosas para a xente e ademáis pareceme un entorno moi fermoso.
¿Algún recordo ou anécdota especial da túa participación nesta proba?
Pois teño que darlle as grazas a esta carreira, xa que o ano pasado cando a fun correr levaba un par de semanas bastante malas, con malas sensacións, enferma, e foi correla, atoparme moi ben e volver a recuperar a confianza en min.
¿Cómo ves a participación de nenos e xente nova nas carreiras e no atletismo en xeral?
Pois considero primordial que a xente anime os nenos a participar nas carreiras populares e nas carreiras federadas para introducilos neste gran deporte, xa que van a ser o noso futuro.
Pasando a un ámbito máis persoal, ¿Cal é a túa situación deportiva actual?
Pois actualmente estou xusto saíndo dunha lesión, rotura da fascia do pé esquerdo, que me tivo parada dende setembro, empezando a trotar hai dúas semanas e pouco a pouco espero volver a poder adestrar con normalidade.
Moito ánimo con esa recuperación! Agardamos verte pronto dándonos alegrías nas pistas e no asfalto! ¿Qué significa o atletismo para ti Paula? ¿En que proba te sintes máis a gusto?
Gracias! Pois o atletismo significa unha parte da miña vida, sen a cal non estou completa e ó que lle debo moitísimo xa que todo o que son a día de hoxe é grazas a poder practicalo dende que son unha nena. Con respecto á proba na que me sinto máis a gusto sen dúbida ningunha é o campo a través, encántame o barro e con moita diferencia é a proba na que me sinto máis feliz.
Actualmente estás no Bikila, é o primeiro ano que contan con equipo femenino, ¿qué opinión che merece?
Pois a verdade é que o proxecto paréceme super ambicioso, temos un equipo moi completo e aínda que este ano non puiden axudar as miñas compañeiras no Campionato de España de Clubes, no que acadaron a 5ª praza, estou segura que para o ano que ven estaremos no podio. Xa que se me brinda a oportunidade quería aproveitar para darlle as grazas ó equipo, por confíar en min. Estando lesionada quixeronme fichar igual e é un verdadeiro pracer e orgullo poder formar parte deste gran plantel. Gracias especialmente a Javier Lopez Villarrubia por entenderme tan ben na situación actual na que estou e seguir confiando en min cada día.
¿Que me podes dicir do plantel do que dispoñedes este ano e das túas compañeiras?
Pois o equipo que temos é moi completo, somos un grupo xove, Solange e máis eu as máis novas, de 22 anos, Sonia de 23, e logo Alba e Liu compensan esta mocidade con máis experiencia, pero xa che digo, somos un grupo de futuro e no que confío moitísimo. Teño a gran sorte de poder formar equipo coas mellores atletas do atletismo español, aparte de grandes persoas, polo tanto, equipo 10.
Aínda eres unha atleta moi nova, pero que valoración fas da túa traxectoria deportiva ata o día de hoxe?
Pois a día de hoxe estou moi satisfeita con todo o traballo feito, teño só 22 anos pero podo dicir que pasei por case tódolos momentos que pode pasar un atleta. Pasar de gañar absolutamente todo o que corría, non poder correr por estar lesionada, non estar no máis alto sempre e loitar día tras día con molestias continuas que non me deixaban adestrar como eu quería.
Algún referente dentro do atletismo feminino, ¿unha atleta na que te fixes?
Non son moito de fixarme especialmente nunha soa persoa, gustame coller de todo o mundo algo, pero si teño que recoñecer que Rosa Morató sempre foi unha atleta que me chamou moito a atención, e despois de poder coñecela un pouco persoalmente aínda máis, porque aparte de ser unha das mellores atletas españolas e unha persoa incrible.
¿Qué supuxo para ti ser adestrada por un mito do atletismo galego como Rocío Rodríguez Longa?
Pois aínda que actualmente xa non me adestre, Rocío sempre foi unha persoa moi importante no meu entorno atlético e a quen lle debo moitas cousas, sobre todo nestes dous últimos anos como adestradora, xa que me devolveu a confianza en min e ensinoume que ninguén pode ser mellor ca min se eu quero que isto sexa así.
¿Como ves o actual estado do atletismo galego, español e o futuro?, ¿solución á falta de canteira?, ¿necesitanse cambios nas institucións?, ¿nos adestradores? ¿qué tipo de solucións ves?
Pois o estado do atletismo galego actual vexoo cunha falta de canteira bastante importante, cada día danse menos axudas, tanto ós clubes, ós adestradores e ós propios atletas e este é un deporte moi sacrificado que supón unha constancia e adicación que sen axudas as veces non é doado de conseguir. O atletismo español en cambio vexoo con unha falta de xente de nivel entre os 25 e 30 anos importante. Os pesos pesados da selección son xente de máis de 30 anos case todos aínda que está entrando unha boa xeneración de atletas junior e promesa sobretodo en categoría masculina.
¿Solucións? Pois non olvidarse de axudar, as institucións parece ser que coa crise olvídanse dos deportes e dos deportistas e non se dan conta de que os deportes son unha das bases principais de desenrolo das persoas, gañando aptitudes, actitudes, esforzo, superación, constancia
polo tanto gustaríame que non se olvidaran de algo que eu considero fundamental.
Durante a túa estadía na selección española compartirías estancia con moitos atletas recoñecidos non so españois senon de outros lugares, ¿quen te chamou máis a atención?
– Como gran atleta por cualidades: Zersenay Tadese
– Como persoa: Como xa comentei, Rosa Morató
– Como compañeiro/amigo: Rocío Rodríguez Longa
– Polo seu sacrificio como deportista: Chema Martínez
1. ¿Cross, ruta ou pista? Cross sempre.
2. ¿Adestrar pola mañá ou pola tarde? Pola tarde
3. ¿Carne ou peixe? Peixe
4. ¿Cola-Cao ou Nesquik? Cola-cao
5. ¿Mar ou montaña? Mar
6. ¿Un sitio para vivir? A Coruña
7. ¿Un soño por cumplir? Poder formar parte da Selección Española Absoluta de Cross.
8. ¿Unha proba atlética? Carreira Pedestre de Santiago.
9. ¿Un defecto confesable? O mal xenio.
10. ¿Unha virtude? A forza de vontade.
11. ¿Doce ou salgado? Depende do momento.
Nova Cortesía de Xose Ferreiro