Amigus
As Pontes

Entrevista: José María López Ferro, Presidente de HUME

lopezf.jpg
[El Progreso – CRISTINA ARIAS] Inmerso durante máis de tres décadas no mundo da educación, onde non ten un horizonte definido sobre a súa xubilación, José María López Ferro, profesor de Monte Caxado é moito máis que un mestre. Fundador do Museo Etnográfico que se espalla polos propios corredores do centro educativo e presidente da asociación de estudos históricos da localidade HUME, o seu traballo vai máis alá das aulas en prol da cultura, a historia e o patrimonio.
Nun pobo como As Pontes, o maior xerador de enerxía de España, é máis importante o valor industrial que a historia e o patrimonio?
Sempre cobrou máis importancia ese aspecto que os aspectos histórico, etnográfico, social… A industria marca a pauta.
Falar de industria nas Pontes é falar de Endesa. Que supuxo a chegada da eléctrica para o patrimonio pontés e para a vila?
O museo de Monte Caxado iniciouse no 84-85 e unha das motivacións foi a perda de oficios, de tradicións, de costumes… que se empezaba a dar dez anos despois do emplazamento de Endesa nas Pontes. Durante esa época pérdese moito patrimonio de tipo etnográfico e histórico. E cambian outras moitas cousas: as relacións sociais, a forma de facer os traballos, hai moita xente desplazada polas expropiacións…
E chega moita de fóra. Houbo unha ruptura coas raíces?
Para uns si, para outros houbo un afianzamento desas raíces. Non hai que analizar a chegada da xente como nada malo; tamén se intercambian costumes, usos… Pero si que cambiou moito a vida.
Coa desaparición e a creación do lago, nace un proxecto de crear un Museo da Minería. Que lle parece esta iniciativa?
Non é algo que me atraia pero non me parece mal. Está ben porque dentro duns anos todo desaparecería, pero vexo tamén outras necesidades como a creación dun museo arqueolóxico.
Podería englobarse todo nun mesmo espazo?
Probablemente. Depende das ideas políticas e do que queiran facer, pero podería facerse. E tamén habería que incluir os restos fósiles que se atoparon na mina.
Como valora a situación do patrimonio pontés? É moi pesimista?
O patrimonio pontés sufriu dende principios dos 70 e perdeuse moito, con situacións máis graves nos últimos tempos coa destrución da necrópole da Mourela. Pero entre a Plataforma na Defensa do Patrimonio, Hume e algunhas actividades que se van facendo se está a poñer máis en valor o patrimonio. Pero hai que ser francos, temos un patrimonio que necesita conservación e non a ten.


Fala de iniciativas sociais, de asociacións. E o apoio institucional?
Hai vontade, pero dentro dos programas políticos o patrimonio non se inclúe da forma que debería. Non se considera prioritario e si o é. O patrimonio é unha fonte de cartos, por exemplo, turísticamente, sempre que esté ben conservado e teñas algo que mostrar. O patrimonio se está ben orientado dá cartos, cartos para a vila.
Cales son as actuacións máis urxentes nas Pontes?
As pontes de Isabel II, a dos Ferros e a Romana, emblemas do noso pobo, son tres puntos de actuación que deberían ser inmediatos. Tamén habería que restaurar algún que outro cruceiro e algunha cruz. Estou tratando de facer un estudo e é algo necesario. E o básico sería a creación dun centro de estudos para localizar, inventariar, estudar, protexer e dar a coñecer ese patrimonio que aínda nos queda.
Dentro da posta en valor, o Liceo, Hume e o Concello homenaxearon ao Cura dos Chaos. Era un compromiso pendente?
Era, Enrique Rivera Rouco foi unha persoa que durante moitos anos estudou a nosa historia, fixo un traballo inmenso e non estaba recoñecido. Está esquecido para as novas xeracións e só hai dez anos que morreu. Fixo un traballo inmenso que hai que recoller dalgunha maneira, porque está un pouco espallado entre artigos en prensa, revistas das festas, trípticos… E hai que evitar que se perda porque durante 30 anos era o que había para consultar sobre a nosa historia, non había máis.
Era o cronista oficial, sería necesario cubrir ese posto ou é algo do pasado?
Esa figura xa non é necesaria. Sería máis importante a creación dun centro de estudos non centrado nunha persoa, porque a historia tamén é etnografía, aspecto social…
Hume é un primeiro paso. Cantos socios ten?
(Rí). Moi poucos, ao redor de 14.
Tódolos anos organizan unhas xornadas, as de primavera e as de outono, que presentan este venres. Cal é o obxectivo?
Tratar tódolos temas relacionados coa historia e a sociedade galega, e se é a pontesa, mellor.
Cal será o programa desta cita?
O venres Antonio Costa Rico falará da escola na primeira metade do século XX. E o próximo xoves 29, Manuela Vilaboy, Xesús Rodríguez e Xosé María Felpeto, falarán das Xornadas Interxeracionais que organizan en Cabreiros. O venres 21 de decembro presentaremos a quinta edición da revista.
Que tirada terá e sobre que versará esta edición?
Sacaremos 400 exemplares, algúns menos que outros anos por que coa crise hai recortes. Entre outros artigos, Narciso Luaces, escribirá unha poesía do Eume, Ovidio García un traballo sobre José Pena López, das orquestras Mallorca e Puentes no 25 aniversario do seu pasamento; Xosé María López publicará unha bibliografía da obra de Federico Maciñeira e eu escribirei dos xogos populares.
Estreáronse este ano cun concurso de fotografía. Hai máis ideas?
Imos a modo. Mellor pouco e ben que moito e mal. O concurso saíu ben e falouse de repetilo coa idea de centralo nun aspecto do patrimonio cada ano. Verase.
Museo etnográfico
Cantas pezas alberga o museo?
Hai 2.670 pezas expostas e máis sen expoñer.
É unha limitación de espazo?
Si. Esto é un colexio e tampouco podemos encher todo. É unha cuestión de espazo expoñer máis pezas, sobre todo as grandes que nos ofrecen. Aínda así sempre pido que as coiden por se o día de mañá cambian as circunstancias.
Sería unha opción compartir espazo no Museo da Minería?
Persoalmente non me interesa. Son máis partidario doutra zona, na Vila, por exemplo, para revalorizala. Hai poucos pobos que conserven un núcleo así. Pero só é unha idea.
No museo tamén contan cun gran arquivo fotográfico. Cantas imaxes suman?
Unhas 1.500. É un arquivo importante porque recolle a historia gráfica do século pasado. Tódolos anos solicitamos a colaboura dos veciños e montamos unha mostra nova. Este ano recollemos cento e pico. E xa levamos once edicións.
Canta xente reciben?
Entre 1.000 e 2.000 persoas.
Cal é o horario?
O museo pode verse en horario lectivo e abre os venres pola tarde e sábados e domingos pola mañá (620.50.12.40).
De preto
O seu lugar favorito das Pontes?

A Dá, gústame esa zona.
A alguén que non coñeza a vila. Como lle describiría o pobo?
É un pobo que ten unha fachada por fóra e outra por dentro. Hai unha parte industrial, que é o primeiro que se ve, o Springfield da primeira idea. Pero no que se profundizas hai algo máis. Ten zonas moi bonitas, sobre todo se saes das rúas e vas pola beira do río, as fragas, as parroquias…
Que lle recomendaría visitar a ese que nunca pisou As Pontes. O lago sería a primeira parada?
Non -di sen pensalo, e ri-. Por suposto, o museo etnográfico Monte Caxado.
Un historiador ou estudoso?
Don Enrique Rivera Rouco, sen dúbidas.
Un libro que hai que ler?
Memorias dun neno labrego.
Leva máis de 30 anos na educación. Que é o mellor de ser mestre?
O contacto cos nenos.
E o peor?
A Administración (sorrí). E agora en serio, a responsabilidade que tes.
En tempos complicados, de recortes, como defendería o ensino público, ese no que leva media vida?
A pública abarca todo e para todos e non establece diferencias. Todos somos iguais.

También podría gustarte
Comentarios