Castrexos, romanos, bárbaros e medievais concéntranse nas Pontes

[Diario de Ferrol] As Pontes dá unha volta máis ás feiras temáticas e propón para esta fin de semana a súa I Cita coa Historia, unha actividade que concentrará desde o venres e ata o domingo varios séculos polas rúas da vila. Así, lonxe de cinguirse a unha soa etapa histórica como acontecía na súa feira medieval, agora abranguen a cultura castrexa, os romanos, os bárbaros e tamén, como non, o Medievo. Desta maneira amplían as posibilidades históricas para a recreación e divulgación e aproveitan para coñecer máis a fondo o devir das Pontes. A asociación Lembranza da Vila e o grupo Taranis organizan este evento, coa colaboración do Concello e tamén de asociacións como a Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes, que promove varias actividades como o Arquexogo que se celebrará o sábado e o domingo ou o itinerario ambulante “Onde vai o Castelo?”. Ademais haberá o domingo un desfile de lexións romanas e loita grecorromana por parte da Garda Pretoriana de Lugo.


Haberá campamentos celta, romano e bárbaro e tamén unha parada medieval. Alí a música e as actividades serán continuas durante tódolos días que dure esta Cita. Tamén dedican unha zona ós rapaces, a carón da igrexa, con xogos e atraccións, e na praza do templo haberá unha mostra de oficios tradicionais. Mañá inclúe elaboración de cervexa natural do Val Miñor, e torno de ballesta de Grandas de Salime. O sábado e o domingo engadiranse a cesteiría e o cultivo e tratado do liño.
A feira comezará mañá venres ás cinco da tarde. Haberá un obradoiro de tecido na Idade do Ferro, xogos bárbaros, un contacontos mitolóxico e, ás nove da noite, o pregón a cargo do historiador pontés César Candelas, na praza da Igrexa. A continuación presentarase o grupo Taranis, con música humor e cultura bárbara e, como remate, ás 22.30 horas, os Feroces da Galgueira realizarán un pasarrúas.
O sábado abrirán ás once da mañá cun pasarrúas con Son de Lugh. Durante a xornada tocarán tamén Alfaia, No Cómbaro e Muxarega (estes últimos ás dez nun concerto no antigo cemiterio). O Arquexogo comezará á unha da tarde ó carón da igrexa. Alí mesmo pode facerse a inscrición previa ata unha hora antes do comezo. O itinerario ambulante “Onde vai o Castelo?” comezará ás seis da tarde. Ademais contarase con obradoiros de cesteiría, coiro e traballo artesanas castrexo en barro, así como exhibicións de cetraría (ás 14.00 e ás 18.30 horas). Ás 19.30 comezará o teatro co guiño “O arrieriño do Eume”, a cargo da Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes, seguido ás 20.30 por “Os duendes do Eume”, de Quemaisten.
O programa do domingo inclúe un trofeo de arco tradicional de 11.00 a 14.00 horas na rúa da Balsa, organizado polo grupo Sílex. Os pasarrúas corresponderanlle durante a mañá a Canavella e pola tarde a O Garabato dos Trasnos. Volverá haber cetraría (ás 12.00 e ás 18.30 horas), continuarán o Arquexogo, volverá haber itinerario ambulante e será o desfile das lexións romanas e a loita grecorromana. Desta última haberá dúas sesións, ás 13.45 e ás 17.30 horas, no antigo cemiterio.
Haberá tamén o domingo oportunidade de volver ver “O arrieriño do Eume” e “Os duendes do Eume”, ás 19.30 e ás 20.30 horas. Entregaranse os premios á mellor caracterización do público nas categorías de adultos e nenos e para os mellores traxes celta, romano, xermánico e medieval ás 20.00 horas e, como remate desta celebración, ás 21.30 horas haberá un pa-sarrúas final.

También podría gustarte
Comentarios