Amigus
As Pontes

I Feira Medieval das Pontes

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

[RTVi-As Pontes] A Feira Medieval tivo un feliz alumeamento. Se fose un neno a báscula daría unha chea de quilos, xa que ninguén agardaba o éxito deste evento sendo a primeira edición. Tódalas previsións que tiñan os organizadores e incluso calquera veciño, desbordáronse dende o sábado, xa que pasaron polo núcleo antigo do pobo milleiros de persoas.


A mañá do sábado amenceu coa vila toda engalanada con escudos e pendóns polas rúas e balconadas. Aínda se daban os derradeiros retoques a algúns postos, mentres que os de artesanía colocaban as súas pezas. Hai que destacar que se repartiron pola Praza da Igrexa e a rúa Real case 50 postos de todo tipo. Un dos aspectos máis destacados foi a presencia e a participación de varias asociacións, que tamén instalaron algunhas barracas, e fixeron exposición e vendas de productos. Entre elas estaban o posto da Asociación Lembranza da Vila, que vendeu bebidas e tamén deu tapeo, o mesmo que fixo a Choupana, que esgotou a mediodía unha boa parte das racións, e onde tamén traballaron arreo para atende-los clientes.
Tamén estiveron na praza a Asociación de Amas de Casa, cunha exposición de diversos traballos, especialmente encaixe, mantelería e patchwork. E a Asociación de Viúvas que se decantou polo apartado gastronómico, e estivo a vender doces de todo tipo durante a fin de semana.
Outra oferta interesante foi a dun posto solidario, que ofertaba productos de comercio xusto e tamén preparou diversos pratos tradicionais de sudamérica. Ó mesmo tempo tamén explicaban ós veciños a filosofía deste tipo de postos. E xusto ó lado, os socios da Aga tiñan un extenso mostrario de productos derivados da colmea, dende o mel entregado en pequenos envases de artesanía, ate velas e polen.
Pero por toda a praza puidemos atopar calquera tipo de obxecto artístico e artesán que puidéramos imaxinar. Dous artesáns da vila fixeron demostración do seu traballo, tanto na fabricación de pezas de metal, como tamén do traballo sobre o coiro. Tamén algúns establecementos do posto decidiron aproveitar esta oportunidade para amosa-los seus artigos, sobre todo algunhas panaderías da vila, tendas de bisutería e agasallos, florerías que adornaron a feira e tamén unha tenda de produtos naturais. Sería moi extenso repasar unha a unha tódalas opcións que nos ofreceu esta feira medieval, porque tamén houbo unha chea de veciños e veciñas que estiveron no casco antigo con diversos postos de artesanía e de pezas realizadas nos materiais máis diversos.
Ademáis outro compoñente foi a acuñación de moeda para a Feira. A organización sacou maravedíes de varios valores, que tiñan que cambearse nun local para face-las compras.
A afluencia de veciños e visitantes durante toda a mañá foi moi alta, con centos de persoas paseándose pola Vila e moitos deles cós avíos propios da época medieval, que evidentemente destacaban tamén entre os participantes máis activos.
Tamén tivemos ocasión de disfrutar cunha actuación dunha parella cómica, que representou a obra “A Dragoa e o cabaleiro”, facendo participar ó público, sobre todo ó máis novo. A media mañá o alcalde pontés encargouse da lectura do pregón, no que lembrou as orixes medievais do municipio e tamén dos mercados que foron o verdadeiro berce do núcleo urbano.
Pero aínda mellor resultou a tarde, xa que dende primeiras horas era case imposible atravesa-la barreira humana formada especialmente dende a Praza e pola rúa Real. Aproveitando unha tarde de sol espléndida os veciños e moitos visitantes decidiron achegarse á Vila para disfrutar desta primeira edición da feira medieval, ademais estaban previstas diversas actividades. Unha das máis vistosas foi a exhibición de cetrería. Na praza exhibíronse unha ducia de especies de ave rapaz e de buxatos, moi admiradas polo público, pero á tarde aínda houbo máis razóns para asombrarse, có adestramento e piruetas no aire e a ras de solo dalgunha das aves.
O vó rasante dalgún dos exemplares chegaba a despeitear incluso ó público, que tivo ocasión de disfrutar con esta exhibición durante boa parte da tarde. Os cabaleiros tamén participaron na Feira, xa que unha das notas dominantes da época medieval foi sen dúbida a presencia dos cabaleiros nobres sobre os seus animais de batalla; nesta ocasión un grupo xinetes do pobo e tamén unha xove amazona pasearon polo centro da feira coas súas monturas. Aproveitando este momento realizouse o desfile de traxes de época, e un numeroso grupo de persoas con atavíos medievais realizaron un percorrido pola zona, amosando o traballo realizado para prepara-los traxes que portaron as damas e homes de hai mil anos. Xa finalizado este paseo, os xinetes achegáronse á zona de Tras da Ponte para simular un torneo.A lomos dos cabalos realizaron diversos enfrontamentos a espada, evidentemente sen nengún tipo de perigo para os xinetes e para diversión do público que se agolpou a carón da estrada.
A Feira aínda seguía durante o resto da xornada e ó día seguinte cunha grande afluencia de público.
aspontes.org

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios